A Lingua é a Patria!

Debe ser que son un antigo e aínda reparo nestes signos de orgullo e orixe nos que moita xente xa non repara, aínda menos os da trama política que dan por superada a fase de silenzo, petrificada na prédica dos adheridos ao poder que, mesmo desde institucións ao uso, dan por boa e superada a euforia de nós. Cegos son por non querer ver. Si, refírome á Lingua, á Nosa Lingua.

Porque houbo un tempo en que os pobos eran donos da súa lingua, e eran felices. Instalados no mundo coa súa definida “ubicación”. Tempos eran nos que controlábamos os nosos pousados avances e cambios, adaptacións afirmadas pola sucesión e innovación, polas novas circunstancias, pola práctica consensuada, pola literatura, a forza propia por refacerse sitio e reiniciarse.

Hoxe, por desgraza, interveñen -ademais dos políticos e organismos pegañentos- os medios de comunicación subvencionados do poder, dirixentes anacrónicos que poñen en risco os intereses e dereitos dos pobos e da súa evolución. A pesar deles, as linguas evolucionan máis ou menos. A Nosa, menos, aguanta in extremis, asegundada por outras que aínda din ter problemas de sobre vivencia. Gran mentira, pero estamos no tempo da falsidade e iso prima moito porque a verdade é unha perversión ousada.

“As linguas evolucionan máis ou menos. A Nosa, menos, aguanta in extremis”

A evidencia está á vista, nótase non só cos idiomas, dous deles debidamente consolidados en prexuízo do noso, do propio, do minguado en fondo e forma -coa aquiescencia dos organismos que comulgan co que boten, mesmo aqueles que deberan estar en pé de guerra pola afronta que supón desconsideración silandeira á que os someten. Claro está, son eles os dos cartos!

E aí estamos nós, os “raritos” e faltos de submisión, a xente que loitamos por non desaparecer excluídos de case todos os medios de comunicación, nin constamos nas tablets nin nesa aparataxe tecnolóxica que nos invade e somete, que nos inmersa noutras formas e pensares, noutros códigos expresivos alleos e alleantes. Estamos nós, como aquela liturxia que se fai efectiva un día ao ano, quizais cando contamos un chiste, ou cando imos á aldea. Anque tamén isto vai a menos.

Mandáronnos a un rango inferior, esta ignominia onde cegan a esperanza. Os orzamentos en actos culturais multiplican por miles os euros que se dedican a actores de fóra -con linguas de fóra. Ah, por certo, tamén cando collen aos do país, collen preferentemente a aqueles neutros que non falen mal da man que lles da o pan! Aos que calan habilmente para non molestar. Dependemos dos xerentes do desastre. Por iso que a nós, faríanos falta un milagre, capaz de poñernos a falar e a escribir, a ler en propiedade A Nosa Lingua. Porque esta si, esta é a Nosa! Porque é un acto de Matria e Patria. Anque o problema noso non só é a lingua, porque seguen nesa intolerancia discursiva e falsa que oculta a igualdade de dereitos e oportunidades e favorece a obriga de asistirlles en deberes. Algo así como unha socialización e reparto de perdas. Que a ledicia dure toda a vida.

Mestre e músico.