
Bande | A localidade ourensá de Bande converteuse nun emblema da galeguización da memoria colectiva, un lugar onde a lingua e o recordo se deron a man para afirmar que o galego é, como se lembrou no acto, “a voz dos devanceiros, o latexar da terra e a expresión máis fonda do noso sentir”.
Ás 12:30 horas, a igrexa de San Pedro de Bande acolleu un acto da campaña “En galego, agora e sempre”, promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG). Esta iniciativa percorre Galicia co propósito de restaurar a presenza da lingua galega nos espazos de memoria, onde a palabra e o recordo se fan eternos. Preténdese así corrixir unha fonda distorsión: en moitos camposantos do país, milleiros de persoas que viviron, sentiron e falaron sempre en galego repousan baixo inscricións en castelán. A campaña busca, dun xeito socrático e reflexivo, provocar un cambio de conciencia que devolva á lingua galega o lugar que lle corresponde tamén na memoria e no descanso eterno.
O acto contou cunha ampla representación institucional encabezada polo Presidente do Parlamento de Galicia; o Secretario Xeral da Lingua e o Presidente da Deputación de Ourense, acompañados de deputados autonómicos e estatais, senadores, directores xerais e trece alcaldes e alcaldesas da provincia.
Durante a cerimonia procedeuse á lectura e sinatura da “Declaración de Bande” que foi asinada polo Secretario Xeral da Lingua, Valentín García Gómez; o Presidente da Deputación de Ourense e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor Pérez; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas Fernández; o Presidente AFNLG, Xoaquín Monteagudo; o Arcipreste da Baixa Limia, Roberto Álvarez; o Secretario da Alianza Evanxélica Española, Xesús Manuel Suárez; a médica forense do IMELGA, Tamara Méndez e os alcaldes e alcaldesas de Ribadavia, César Fernández Gil; Castrelo de Miño, Avelino Pazos Fernández; Baños de Molgas, Pilar López Vidal; Padrenda, Manuel Pérez Pereira; Verea, José Antonio Gulías Fernández; Ramirás, Isabel Gil Vázquez; A Bola, Teresa Barge Bello; Bande, Sandra Quintas Fernández; Lobeira, Antonio Rodríguez Villarino; A Peroxa, Manuel Seoane Pérez; Muiños, Plácido Álvarez Dobaño; e o concelleiro de Ourense, Armando Ojea; asinando tamén a Funeraria Santa Isabel, de Bande e dando fe o notario Santiago Botas Ramos, do Colexio Notarial de Galicia.
Durante o acto entregouselles aos asistentes a Declaración Individual de Vontade, un documento individual para que cada persoa manifeste, se asi o desexa, que as súas exequias e lembranzas se realicen integramente en galego, reafirmando o dereito a vivir e ser lembrado na propia lingua.
A xornada concluíu no cemiterio municipal, coa descuberta dun epitafio en galego no panteón da familia Santalices, símbolo da continuidade da palabra e da identidade galega máis aló da vida.




