A licitación a pavimentación en parroquias do Porriño

Serán 132.000€ para a mellora de camiños en Devesa, Filgueiras e Portela de Souto

O Porriño | O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o proxecto de mellora do pavimento en tres camiños de titularidade municipal, situados nos lugares de Devesa, Filgueiras e Portela de Souto, cun orzamento base de licitación de 132.979,42 euros (IVE incluído)

A actuación ten como obxectivo mellorar o estado actual destes viarios, incrementar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade da veciñanza, xa que os camiños presentan diversos signos de deterioro, como fisuras, baches e unha degradación xeral da capa de rodadura.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que “esta licitación é unha mostra máis do compromiso do goberno municipal coa mellora das infraestruturas básicas, especialmente nos núcleos rurais, onde os camiños municipais son fundamentais para o día a día da veciñanza”. O rexedor subliña tamén que “seguimos investindo en obras útiles, pensadas para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos porriñeses e porriñesas”.

O proxecto contempla, entre outras actuacións, o desbroce e limpeza de marxes e cunetas, o fresado puntual do firme existente, a reposición da zahorra artificial nos puntos necesarios, así como o reforzo do pavimento mediante a execución dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor.

Ademais, procederase ao recrecido de arquetas e tapas de rexistro, á reposicion dun colector de drenaxe transversal no camiño de Filgueiras e á execución de nova sinalización horizontal e vertical, co fin de mellorar a seguridade e a ordenación do tráfico.

Pola súa banda, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, sinalou que “se trata dunha actuación moi necesaria, que dá resposta ao mal estado do pavimento nalgúns tramos e que permitirá contar con camiños máis seguros e duradeiros”, engadindo que “as obras están deseñadas para minimizar as molestias á veciñanza e garantir unha execución áxil e eficiente”.

As obras desenvolveranse en camiños situados nas parroquias de San Salvador de Budiño, O Porriño e Atios. O prazo previsto de execución dos traballos será de seis semanas, unha vez adxudicadas as obras, establecéndose durante ese período as medidas necesarias de sinalización e regulación do tráfico. Con esta licitación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais, especialmente nos núcleos rurais, apostando por actuacións que contribúen á seguridade viaria e á calidade de vida da cidadanía.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.