Vivimos nun tempo no que a protesta pacífica contra un evento deportivo que busca branquear un xenocidio en Gaza é sinalada como “violenta”. Queren convencernos de que erguer pancartas, interromper un acto público ou boicotear un espectáculo deportivo que normaliza a ocupación e a masacre é unha ameaza maior ca as bombas que caen a diario sobre a poboación civil.
Mentres tanto, derrubar escolas, hospitais e vivendas familiares en Gaza preséntase por gobernos, medios e voceiros oficiais como “un acto de defensa”.
A mesma maquinaria propagandística que demoniza a resistencia popular encárgase de edulcorar a barbarie estatal:
– Asasinar nenos en refuxios convértese en “danos colaterais”.
– Bombardear hospitais denomínase “neutralizar infraestruturas terroristas”.
– Expulsar a unha poboación enteira xustifícase como “garantir a seguridade”.
“A mesma maquinaria propagandística que demoniza a resistencia popular encárgase de edulcorar a barbarie estatal”
O poder da narrativa
Esta distorsión non xorde da nada. Responde a un poderoso aparato de propaganda que precisa blindar a impunidade do Estado de Israel na súa ofensiva contra o pobo palestino. Nesa narrativa:
– O silencio é neutralidade.
– A denuncia é extremismo.
– A solidariedade internacional é odio.
O espello que incomoda
Mais a realidade é teimuda. E cada vez que alguén se ergue no medio dun evento deportivo, cada vez que unha voz interrompe o relato oficial para lembrar que hai crianzas sendo soterradas baixo os cascallos, esa contradición queda en evidencia.
– A violencia non é a pancarta nun estadio, senón os misís sobre Gaza.
– A violencia non é o berro de protesta, senón o silencio que permite a masacre.
– A violencia non é a incomodidade dunha afección, senón o esgazamento dun pobo condenado a vivir baixo sitio e bombardeo permanente.