A ilexitimidade do réxime franquista.

Cadernos da viaxe.
A ditadura do xeneral Franco naceu e morreu ilexítima e non perdeu esta cualidade un só día da súa (para a desgraza dos nosos país e avós) longa vida. Naceu dunha rebelión militar (ésta si foi tal, unha rebelión sanguiñenta e asañada) contra do Goberno legalmente constituído, o Goberno da República. Unha rebelión que só trunfou despois de matar centos de milleiros de persoas e condenar millóns ao cárcere, exilio, miseria e exclusión social.

Xa que logo, a lexitimidade de orixe retívérona as institucións republicanas no exilio, os Gobernos da República, da Generalitat e Vasco, canda o Consello de Galiza, até a elección libre (malia que con certas limitacións) dun Parlamento, o 15 de xuño de 1977. De feito foi o propio Goberno da República no exilio o que se autodisolveu, o 21 de xuño de 1977, ao constataren que a cidadanía do Estado recuperara o exercicio da soberanía.

No eido internacional, os Estados Unidos Mexicanos e máis a República Federativa de Iugoslavia non recoñeceron nunca ao réxime de facto español e mantiveron exclusivamente relacións diplomáticas co Goberno da República no exilio até 1977. As principais potencias (Francia, Reino Unidos, USA) non recoñeceron ao réxime franquista até o remate da guerra, as potencias europeas o 27 de febreiro de 1939 e os USA o 31 de marzo dese mesmo ano. E este recoñecemento viu motivado pola inefectividade sobrevida do Goberno republicano ao non controlar xa o territorio e polo exilio do Presidente da República e do seu Goberno.

Velaí, entón, o gravísimo erro da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ao recoñecer ao xeneral Franco como Xefe de Estado dende o mesmo día da súa cooptación pola directiva militar golpista (1 de outubro de 1936). Porque recoñece nunha decisión xudicial do máximo intérprete do Dereito Administativo estatal unha lexitimidade que nunca existiu, visualizando a conexión entre o réxime do 78 e a ditadura franquista, cando nin sequera lle resultaba xuridicamente preciso para suspender cautelarmente o translado dos restos do ditador.

Vemos agora como a falla dunha ruptura formal co réxime de facto nos anos 1977 e 1978 determinou importantes pexas na calidade da nosa democracia. Faltou o axuizamento dos criminais de guerra e da represión franquistas, a anulación das sentenzas dos seus Tribunais ilexítimos ( como a que ditou a pena de morte ao patriota galego Alexandre Bóveda) e a reparación e indemnización dos que viron incautados os seus bens e mesmo efectivo, ao tempo que se lle impuxo á cidadanía a Monarquia reinstaurada polo vello xeneral sen posibilidade de decidir autónomamente sobre a mesma.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!