A Igrexa de Santa María de Arbo, ponte de unión transfronteirizo da Vía Mariana Luso-Galaica

O Concello de Arbo é a entrada da Vía Mariana a Galicia

Texto de Manuel Xesús Xiráldez González, miñoto arabense

Arbo| Cruzando o río Miño, entre o Concello de Arbo e a Câmara Municipal de Melgaço, a Vía Mariana Luso-Galaica entra a Galicia a través de Santa María de Arbo, punto neurálxico dunha peregrinación bidireccional que parte dende o Santuário da Nossa Senhora do Sameiro en Braga (Portugal) ao longo de 372 km ata Muxía.

“Este concello da comarca da Paradanta, coñecido polo seu acervo vitivinícola e a súa tradicional Festa da Lamprea, converte á Vía Mariana nun punto transfronteirizo de unión, comunicación e coñecemento espiritual”

Este concello da comarca da Paradanta, coñecido polo seu acervo vitivinícola e a súa tradicional Festa da Lamprea, converte á Vía Mariana nun punto transfronteirizo de unión, comunicación e coñecemento espiritual. Toda vez, neste espazo descúbrense a proximidade da beleza paisaxística do río Miño, as súas ribeiras e cachóns, o patrimonio histórico das pesqueiras e de riqueza vitivinícola.

O tramo arabense: a Ponte de Mourentán e a Igrexa de Santa María de Arbo
Á hora de realizar o tramo da Vía Mariana por Arbo débese ter en conta dous puntos ineludibles: a Igrexa de Santa María de Arbo, símbolo actual que representa unha comunidade cristiá e mariana con 800 anos de vida; e a Ponte de Mourentán sobre o río Deva, representativo do medieval camiño real Ribadavia-Tui.

Igrexa de Santa María de Arbo.

Unha vez que o peregrino cruza a ponte Melgaço-Arbo sobre as augas miñotas irá á procura da Almuíña, zona que percorrerá entre paisaxes palacianas e vitivinícolas, en paralelo ás ribeiras do río e á vella liña ferroviaria do Miño. Dentro dos itinerarios da Vía Mariana, este tramo por Arbo corresponde á ruta Nº 6 Melgaço-Parada de Achas, que leva ata esta localidade de A Cañiza.

Nas proximidades da Almuíña, o desvío cara á Ponte e Coto de Mourentán leva a un punto estratéxico, enclave de belida natureza e testemuña das pegadas da historia sobre as augas do río Deva que dende A Cañiza vén desembocar no Miño arabense.

Esta contorna ha de espertar no peregrino/a o interese por facer o treito da verea real que conduce ao templo de Santa María de Arbo, espazo de encontro parroquial e de advocación secular, espléndida torre vixía para unha panorámica de conxunto do territorio arabense e do espazo transfronteirizo galaico-portugués.

Esta antiga igrexa de Santa María de Arbo atopábase cerca do espazo onde sería construído séculos despois o novo templo parroquial (1780). Era moi estreita e baixa de paredes con cuberta de madeira. Só tiña bóveda a capela de Don Pedro de Rivera, fidalgo e descendente directo dun irmán do fundador da capela citada, nomeada como capela do Cristo ou Santo Nome de Xesús, fundada por Domingo Estévez de Puga a mediados do século XVII.

“A importancia histórica da igrexa de Santa María de Arbo confírmase igualmente coa resistencia contra os franceses e a batalla da Ponte de Mourentán en 1809”

A importancia histórica da igrexa de Santa María de Arbo confírmase igualmente coa resistencia contra os franceses e a batalla da Ponte de Mourentán en 1809.

Camiño do Santuario de Santa María da Franqueira: vías alternativas polo Deva ou pola montaña
Á hora de decidir a partida de Arbo cara Santa María da Franqueira (A Cañiza), o peregrino pode escoller, por conseguinte, entre dúas alternativas, tanto tradicionais coma vixentes, de grande interese natural, histórico e relixioso.

Unha opción é volver de maneira circular á ponte de Mourentán e orientarse a carón do Deva polo camiño que leva a Sande, onde atópanse os recomendados pazo do Pombeiro e ponte de Esmoriz; Varcia, e de Parada de Achas á Franqueira. En partes deste treito están delimitadas rutas como “o Sendeiro da Moura” por territorio arabense e “o Camiño da Raíña” ou o “Sendeiro das fragas e levadas do Calvo e Deva” (Parada de Achas).

A outra opción parte desde a igrexa de Santa María de Arbo cara á montaña da Paradanta polas Laxas, cruce ao monte Castelo (antes da entrada ao Couto), desvío polo Salgueirón, continuación pola Chan do Centeo e O Curro ata chegar á Franqueira.

Río Deva na Ponte de Mourentán.

A peregrinación dos arabenses a Santa María da Franqueira é secular, acontece desde a formación dos santuarios a partir da Idade Media. Os veciños arabenses camiñan cada ano coa Santa do Libramento na vistosa romaría das “Pascuillas”, na que procesións de todas as parroquias do Condado e da Paradanta vanse unindo nos antigos camiños que levan á Franqueira coas súas virxes e os seus santos adornados de flores e cadanseu pendón.

Nesta peregrinacións, os rituais son imprescindibles. Os arabenses acoden individualmente ao santuario para cumprir cos seus ofrecementos, noutros tempos mesmo descalzos e sen comer. Tradicionalmente, mozos e mozas tamén facían lazos nas xestas dos arredores en ofrecemento e procura de casamento.

Arbo, a “Vila da Lamprea” e corazón dos Viños do Condado e Albariño
Unha parada para coñecer Arbo está xustificada polo seu interesante patrimonio tanto material coma inmaterial, natural, cultural e relixioso. “A Vila da Lamprea e Corazón do Viños Condado e Albariño”, froitos da Terra e do Río, alimentos tan ligados á historia da igrexa cristiá e ás orixes do propio municipio, ofrece gastronomía pero tamén puntos de encontro, de coñecemento e de reflexión, que farán o camiño máis integro.

“Unha parada para coñecer Arbo está xustificada polo seu interesante patrimonio tanto material coma inmaterial, natural, cultural e relixioso”

En Arbo, o peregrino pode atopar unha importante oferta hosteleira tamén ligada á Vía Mariana. Destacan as Casas da Aldea e Pazos, na parroquia de Barcela, Casa Grande Almuiña e o Pazo de Almuiña, na parroquia do mesmo nome, e o albergue rural O Coto, no Coto de Mourentán, que conta cunha praia fluvial. Na parroquia de Sela atopamos igualmente Casa Grego e Casa da Figueira.