
Ponteareas | A Federación de Gremios de Editores de España, que representa a máis de 800 editoriais de todo o Estado, seleccionou o libro “Alejandro Viana. La proeza del rescate de los refugiados republicanos”, de Roberto Mera Covas, e publicado por Belagua Ediciones, para ser presentado o vindeiro 27 de xaneiro no Festival Internacional de Cine Documental (FIPADOC) de Biarritz (Francia)
España é o país convidado na edición deste ano e por ese motivo, a Federación de Gremios de Editores de España seleccionou, entre as numerosas obras presentadas, dous libros, un deles o protagonizado polo ponteareán Alejandro Viana e escrito polo seu sobriño bisneto Roberto Mera.
A historia de Alejandro Viana será presentada pola directora de Belagua Ediciones, Edurne Baines, dentro del “Doc á la Page”, sección del Festival na que os editores expoñen aos produtores cinematográficos as obras de non ficción seleccionadas co obxectivo de lograr a súa adaptación a formatos audiovisuais.
O libro, publicado en galego por Belagua Ediciones en 2021, baixo o título “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” e en 2022 en español co título “Alejandro Viana. La proeza del rescate de los refugiados republicanos” foi seleccionada xunto a outra obra editorial española e dez francesas.
O libro de Roberto Mera recibíu en 2022 o Premio de Investigación e Ensaio Antón Losada Diéguez. A obra revela a figura, até agora descoñecida, do deputado republicano Alejandro Viana, quen tras a Guerra Civil organizou a axuda humanitaria e a evacuación marítima a América de miles de refuxiados republicanos en Francia.
Tras sufrir a persecución franquista e alemá na Francia ocupada, pasar á clandestinidade durante meses e fuxir a México nunha viaxe convertida en odisea, Viana faleceu exiliado neste país. Logo de décadas esquecido, a súa vida e, en particular, a súa traxectoria empresarial, política e humanitaria foron recuperadas polo seu sobriño bisneto, Roberto Mera, a través dunha extensa investigación biográfica na que se basea o libro seleccionado.
O proxecto que Belagua Ediciones compartirá coa industria audiovisual ofrece un protagonista guiado por unha humanidade e moral inquebrantábeis, un home de acción que desborda bondade nunha misión humanitaria titánica e de alto risco; un arco narrativo trepidante e dramático: guerra, axuda a refuxiados, evacuacións masivas, persecución nazi, fuxida épica, exilio, morte e esquecemento, unha mirada rigorosa sobre unha sorprendente biografía e o seu contexto histórico apoiada en amplo material documental e gráfico; unha historia real, inédita e emotiva, un protagonista heroico e unha temática universal e actual: guerras, totalitarismos, refuxiados e solidariedade.




