A Guarda rende homenaxe a Brasilino Álvarez

Coincidiu co centenario da reforma do Lavadoiro da Fonte da Cal
O alcalde guardés Antonio Lomba (esquerda) estivo presente na homenaxe no  Lavadoiro da Fonte da Cal.

A Guarda | O pasado domingo día 19 de decembro celebrouse na Fonte da Cal un acto para conmemorar o centenario do Lavadoiro da Fonte da Cal.

Neste ano 2021 cúmprese o centenario da construción do lavadoiro da Fonte da Cal, no barrio da Cruzada, acometida no ano 1921 por suscripción que iniciou en Puerto Rico don Brasilino Álvarez Sobrino, fillo deste barrio da vila guardesa.

Brasilino Álvarez Sobrino tiña daquela 27 anos e seguía a estela doutros guardeses da emigración que buscaron mellorar a calidade de vida dos seus conveciños, actuando directamente na mellora das fontes e lavadoiros, entón toscalleiros e descubertos, o que obrigaba a lavar a roupa á intemperie.

A praca conmemorativa a Brasilino Álvarez Sobrino.

Neste acto contouse coas intervencións do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e do historiador local J. Miguel Villa, quen realizou unha breve contextualización histórica sobre A Cal, o seu Lavadoiro e sobre Brasilino Álvarez Sobrino, impulsor da súa construción.

Durante o transcurso deste acto, no que participaron preto dun cento de veciños e veciñas do barrio da Cruzada, tamén se escoitaron as pezas musicais dun grupo de 4 clarinetes, formado por Ana González Lorenzo, Sara Márquez Rodríguez, Nerea Fernández López e Lucía Lomba Alonso, da Banda de Música da Guarda, que interpretaron “Danza Húngara nº5” de J. Brahms, “Hallelujah” de L. Cohen e “The enterneiner” de Scott Joplin.

A Banda de Música da Guarda interpretou “Danza Húngara nº5” de J. Brahms, “Hallelujah” de L. Cohen e “The enterneiner” de Scott Joplin.

Neste acto tamén se fixo a descuberta dunha praca conmemorativa, que tal e como indicou o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, “servirá para lembrar á figura de Brasilino Álvarez, impulsor desta reforma do Lavadoiro da Cal, de xeito que todo aquel que se achegue ata a fonte coñeza a súa historia.”

O Concello da Guarda tamén quixo agradecer ao historiador local J. Miguel Villa a súa participación no evento.

Tamén agradeceu a súa colaboración na elaboración do díptico informativo sobre este centenario, coa entrega dun agasallo.