A Guarda recupera a Romaría de Santa Trega

Este venres 23 de setembro

A Guarda | O Concello da Guarda celebra este venres día 23 de setembro (festividade local) a Romaría de Santa Trega, unha festividade que se recupera este ano despois da pandemia da Covid-19, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega. Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8:00h, 9:00h e ás 11:30h Sermón e Solemne Procesión.

Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.

A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.

Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que resulten en danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único.

A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado do monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións.

Mellora da Zona infantil e deportiva da Portela 
O Concello da Guarda levou a cabo o proxecto de Reforma e mellora da zona infantil e deportiva da Portela, no barrio de Salcidos, unha obra executada con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.

Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda “O Parque de Salcidos é un parque moi utilizado, principalmente para facer deporte, e existían moitas demandas para a súa mellora, polo que se decidiu actuar nestas infraestruturas, realizando unha rehabilitación integral para que estea nas mellores condicións posibles para o seu uso, tanto para os máis pequenos, coma para os deportistas e os maiores que poden xa utilizar a zona de biosaudables.”

Nesta actuación realizouse unha actuación integral no conxunto das instalacións infantís, nos elementos de xogo, así como na substitución do peche perimetral.

Tamén a pista polideportiva tivo que ser mellorada, xa que debido ao seu intenso uso e ao tempo transcorrido e a pesares das pequenas intervencións de mantemento realizadas na mesma, precisaron do cambio do céspede artificial da cancha, a substitución das madeiras en mal estado da estrutura da pista e o seu pintado, así como o cambio da rexa circundante e pintado de todo o espazo, o perímetro da cancha e substitución das canastas de baloncesto. Tamén se substituíu a rede parabalóns e a reforma da súa estrutura.

Por outra banda, tamén se realizou o acondicionamento do acceso ás instalacións cun novo pavimentado en formigón pintado, que substituíu ao anterior de asfalto e que se atopaba en malas condicións.

Tamén se dotou dunha nova zona de biosaudables que está emprazada nunha parcela anexa á zona infantil e á zona polideportiva da Portela, na parroquia de Salcidos.
Esta parcela, mercada polo Concello da Guarda para o seu uso público, contá con preto dunha ducia de diferentes elementos de biosaudables. Un novo espazo de biosaudables sumase aos xa existentes na vila na Zona da Pasaxe en Camposancos ou nos xardíns do Centro Cultural.

Estas actuacións na Portela en Salcidos, forman parte das diferentes actuacións que se están a acometer por parte do Concello da Guarda en parques infantís e zonas deportivas de todo o municipio, coma as xa realizadas en Laxe Grande ou na zona deportiva do Codesal en Camposancos.