Cadernos da viaxe.
Non é certo que sempre existisen na Galicia as actuais políticas de desleixo na prevención, abandono do medio rural e privatización das actividades de extinción. Estas políticas teñen a súa orixe na volta ao poder da Xunta do PP, en 2009.
A vaga de incendios forestais de agosto de 2006 tivo un impacto devastador en Galicia e provocou unha forte reacción por parte do goberno de coalición BNG-PSdeG. Diante da magnitude da crise puxéronse en marcha diversas medidas co obxectivo de previr futuros incendios e mellorar a xestión do monte. Entre as principais accións lexislativas cómpre salientar:
i. O Decreto 105/2006, anterior nunhas poucas semanas aos lumes daquel agosto, que estableceu medidas de prevención de incendios forestais, protección de asentamentos rurais e regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. Adquiriría unha relevancia aínda maior despois da crise, subliñando a necesidade de que a Xunta colaborase cos concellos na elaboración de plans de protección e defensa, e asumise directamente traballos preventivos en faixas de especial protección non realizadas polos propietarios.
ii. A Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que tiña como obxecto defender os montes e terreos forestais fronte aos incendios e protexer as persoas e os bens, promovendo unha política activa de prevención. Entre os seus puntos chave figuraban o establecemento do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) como instrumento básico de planificación, a creación de redes de faixas de xestión de biomasa (primarias de 125 mts de largo e outras de 100 mts de protección de núcleos poboados), obrigando a propietarios e titulares de infraestruturas a mantelas limpas, a prohibición de repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais, así como en zonas de labranza, cultivo, prados ou pastos, o reforzo das estruturas de extinción e prevención, o afondamento na educación, sensibilización e divulgación agroforestal, a promoción da constitución de masas de especies arbóreas caducifolias ou de baixa inflamabilidade e mailo reforzo dos dispositivos de extinción e prevención.
“Nos tempos da xestión nacionalista na Consellería de Medio Rural existiu un incremento de medios humanos e materiais destinados á loita contra o lume”
Nos tempos da xestión nacionalista na Consellería de Medio Rural existiu un incremento de medios humanos e materiais destinados á loita contra o lume, así como unha mellor coordinación entre as distintas administracións implicadas. Por outra banda afondouse na sensibilización e concienciación da cidadanía sobre a importancia da prevención e o coidado do monte. A Lei 3/2007 marcou, deste xeito, un antes e un despois na lexislación galega en materia forestal, establecendo un marco moito máis robusto para a xestión de biomasa e a prevención do lume.
Coa chegada do Partido Popular ao Goberno da Xunta en abril de 2009, a política forestal e de loita contra os incendios experimentou unha moi substancial modificación e reorientación nas prioridades. Malia que a Lei de de 2007 non foi derrogada, foi obxecto de sucesivas modificacións e desenvolvementos normativos por parte do novo goberno que, canda a Lei 7/2012, de montes de Galicia, afectaron nomeadamente á prevención de incendios, flexibilizando a prohibición de plantar eucaliptos en terras agrarias e a política de reordenación da propiedade (suprimindo as Unidades de Xestión Forestal-UXFOR- creadas polo goberno de coalición) o que incrementou a superficie forestal de especies pirófitas e o abandono do rural. Por outra banda, reduciuse de xeito desaquelado e imprudente a 50 mts a faixa de protección primitiva da Lei 3/2007 dende os 125 e 100 mts primitivos.
Porén, como xa fixera o Goberno Fraga con Romay Beccaría, mentor de Núñez Feijoo, de conselleiro, púxose o foco na loita contra o suposto “incendiario”: O goberno do PPdeG acentuou o discurso sobre a intencionalidade dos lumes e a persecución dos incendiarios, o que desviaba a atención das causas estruturais e da necesidade de mellorar a xestión do monte, como xa demostrara a ampla pescuda desenvolvida polo anterior Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela.
“As vagas de lumes de 2017 e 2022, canda a actual de agosto de 2025, amosaron a ineficacia e falta de coordinación do dispositivo de extinción”
As vagas de lumes de 2017 e 2022, canda a actual de agosto de 2025, amosaron a ineficacia e falta de coordinación do dispositivo de extinción. Velaí a súa efectiva desmontaxe en outubro de 2017, antes do peor da vaga daquel ano, as 190 vacantes deste ano, denunciadas pola CIG e a CSIF ou a privatización monopolística da xestión dos medios aéreos denunciada recentemente pola xornalista Cristina P. Marcote.
E, por riba de todo, os Gobernos da dereita amosaron a súa cativa preocupación por afondar nas causas últimas do lume, máis alá da condena aos incendiarios. Nin o abandono do rural, nin a fragmentación da propiedade, nin a expansión de especies de rápido crecemento e alta combustibilidade foron abordadas de xeito efectivo. No foco de Rueda e Núñez Feijóo só ai “incendiarios” .