Neste domingo 17-A cumpriuse o 89 cabodano do asasinato, pola xustiza militar do golpismo, de Alexandre Bóveda. Vai aló case un século. Mais foi a primeira súa lembranza, nesta data da Galicia mártir, na que o Estado español reparara a súa memoria, anulando a farsa xudicial escrita naquela sentenza do 13 de agosto de 1936 que dispuxo a súa morte, só por defender a legalidade republicana e máis a decisión plebiscitaria da cidadanía galega aprobando, o 28 de xuño daquel 1936, o noso primeiro Estatuto.
Porque o 10 de decembro de 2024 o Goberno do Estado , na execución da lei estatal de memoria democrática, entregoulle a Amalia Bóveda, filla póstuma do patriota galego, o documento oficial que recoñecía a ilegalidade e nulidade da sentenza que mandou matar Bóveda. Dito doutro xeito, certificou que o que os golpistas fixeron naquela tráxica Pontevedra, naquela tráxica Galicia, de agosto de 1936 foi asasinar.
“Convén lembrar que na Galicia non houbo guerra civil ningunha (…) En só cinco días os golpistas tiñan o control sobre todo o territorio”
Convén lembrar que na Galicia non houbo guerra civil ningunha. Non houbo dous bandos en litixio. En só cinco días os golpistas tiñan o control sobre todo o territorio. E foi entón e non antes cando aproveitaron para desenvolver unha dinámica represiva que expertos internacionais non dubidan en alcumala de xenocida. O número de persoas asasinadas é descoñecido, mais semella que un cálculo entre 5 mil e 6 mil persoas pode ser acaído (deles uns 1400 logo de xuízos ilegalmente amañados). Se consideramos, outravolta, que non houbo enfrontamentos militares, que máis do 95% dos asasinados eran homes e que o censo electoral daquela era duns 1,3 millóns de electores, os números dos asasinados acadan o 1% dos varóns eleitores. Engádanlle o prendemento en campos de concentración onde morreron a eito, confiscacións de rendas e propiedades e a fame resultante. É desaquelado alcumar o do 36 galego como xenocidio?
Bóveda foi elixido para morrer pola súa solvencia en organizar equipas, en definir obxectivos, en deseñar plans políticos e financeiros . O fascismo militar pontevedrés ben coñecía ao que fundou, estruturou e dirixiu a Caixa de Aforros de Pontevedra e ao que definiu as regras da fiscalidade e da facenda pública galega no Estatuto de 1936, por certo alicerzada na imposición directa sintética e na recadación integral dos tributos todos pola Facenda galega, como ben pescudou o economista galego Xosé Antón Pena Beiroa, que tamén reflectiu nas súas pescudas a súa idea-forza de que non pode haber autogoberno político sen autonomía financeira.
Velaí que aquel agosto de 1936 fose unha orxía represiva sobre a Galicia moderna, democrática, orgullosa de seu, liberal e autocentrada. E nese proceso pagaron un moi alto prezo de sangue deputados como o corcubionés Pepe Miñones, mais tamén alcaldes e concelleiros. Entre eles os alcaldes da Coruña e Vigo, Suárez Ferrín e Emilio M. Garrido, asasinados os días 31 e 27 de agosto despois de cadanseus amañados consellos de guerra. Persoas moi queridas en cadansúas veciñanzas que mesmo foron prudentes de máis na adopción de medidas contra a enxurrada golpista. E máis o alcalde da capital de Galicia, Anxel Casal, asasinado extraxudicialmente o 19 de agosto en Cacheiras-Teo, que artellou canda a súa dona María Miramontes un moi potente proxecto cultural nacional galego arredor da Editorial Nós, que foi avaliado por Castelao afirmando que “Casal fixo por Galicia máis que todos nós…”.
“Velaí que aquel agosto de 1936 fose unha orxía represiva sobre a Galicia moderna”
Non son contos vellos, senón que están de plena actualidade. O feito de que precisáramos máis de 88 anos (deles 37, case a metade, dende a promulgación da vixente Constitución) para anular o xuízo de Alexandre Bóveda, nulo de pleno Dereito en calquera sistema legal, demóstrao de vez.