Cadernos da viaxe.
Van aló dous anos desde aquel febreiro de 2024 no que Alfonso Rueda, alicerzado nomeadamente na grande mobilización das súas bases rurais, logrou manter o edificio da maioría absoluta. Chegados a este marzo de 2026, o panorama demoscópico que debuxan as enquisas confirma a resiliencia do sistema de partidos galego, afondando nunha fenda estrutural: a dunha Galicia dual que camiña cara un binarismo imperfecto entre o polo conservador e a emerxencia dun soberanismo de masas.
A análise demográfica de hai dous anos afondouse: o Goberno Rueda alícérzase cada vez máis sobre a Galicia do interior e as xeracións maiores de 65 anos. Só pode vender unha suposta estabilidade, que semella que para a Galicia máis dinámica non é senón inmobilismo, diante das remudas dun mundo que esixe coñecemento e transformación estratéxica. Neste senso. o arquivo do proxecto de Altri hai poucas semanas presentouse tacticamente non como a derrota que é, senón como un exercicio de suposta “prudencia administrativa” fronte á imposibilidade de conexión eléctrica (responsabilizando da mesma ao Goberno do Estado) e a oposición social maioritaria, da que responzabiliza ao BNG. Unha finta táctica que tenta desactivar a bomba reloxo que ameazaba o seu feudo lucense e furaba os seus apoios históricos na contorna da ría de Arousa e val do Ulla.
“A análise demográfica de hai dous anos afondouse: o Goberno Rueda alícérzase cada vez máis sobre a Galicia do interior e as xeracións maiores de 65 anos (…) o BNG de Ana Pontón emerxe xa non como unha alternativa de protesta, senón como unha opción de goberno ‘in pectore”
Porén, fronte a este castelo, o BNG de Ana Pontón emerxe xa non como unha alternativa de protesta, senón como unha opción de goberno “in pectore”. Cun 32% de estimación de voto nas enquisas deste primeiro trimestre de 2026, o nacionalismo deixou de ser un partido para converterse no burato negro que absorbe todo o que está á esquerda do PP. O sorpasso ao PSdeG é xa un dato estrutural. O socialismo galego de Gómez Besteiro sofre a síndrome da “invisibilidade por pinza”: o electorado urbano e mozo flúe cara a Pontón por unha cuestión de utilidade e soberanía, mentres perde algúns votantes cara ao PPdeG por mor dunha axenda estatal que non coincide coas necesidades urxentes dun país que esixe voz propia no debate sobre o financiamento autonómico e a débeda histórica. Sobre o debate de como podemos xerar benestar garantindo servizos públicos de calidade. Un debate no que o PSdeG non está, amosando arestora a súa inutilidade relativa, que acada tamén a esas difusas opcións da esquerda estatal (IU, Sumar, Podemos…) orfas, ademais, de presenza social e territorial.
Mentres, a Galicia urbana e a Galicia de menos de 45 anos presenta unha intención de voto estábel con maioría a prol do BNG de Ana Pontón, que mesmo mellora aquel 31,7% de 2024 construído dende a expectativa real de remuda. E este fenómeno ten unha importancia moi salientábel: fronte ao prognóstico de que parte dese 31,7% voltaría ao PSdeG, á esquerda estatal ou a abstención por mor da frustración das expectativas de remuda no goberno de 2024, a mellora na intención da xa moi elevada porcentaxe de voto para o BNG amosa que esa expectativa de remuda arredor da proposta soberanista de Ana Pontón continúa na sociedade. Mesmo afortalada.
A gran novidade deste 2026 é a aparición de fendas no casco do transatlántico popular pola dereita. Vox, que en 2024 era unha anécdota, seica estaría só a algunhas décimas do 5% nas circunscricións atlánticas. Se a ese limitado desgaste (que certamente non vai ser moi notábel, mais tampouco menos importante do que xa é hoxendía) lle engadimos a posibilidade certa de que Ana Pontón e o BNG poidan afondar nese pequeno, mais continuo fío de trasvase de votos coa orixe no PPdeG a maioría absoluta estaría en moi serio risco.
Sanidade e servizos públicos, industria respectuosa co territorio, vivenda e atención a ese 10% de persoas galeguistas que votan decote ao PPdeG. Velaí os probábeis eixos que posibiliten a remuda de 2028. A partida non se xogará nas ideoloxías abstractas, senón na capacidade de cada un dos dous polos para ofrecer unha alternativa digna de confianza fronte ao baleirado do rural e a degradación dos servizos públicos, sinaladamente un SERGAS que segue a ser o talón de Aquiles da dereita.
Mentres, Galicia agarda. Entre a inercia do vello réxime e a esperanza dunha nova síntese nacional.





