A gaita soará con forza en Ponteareas

Coas mellores bandas no LVII Concurso de Gaitas este sábado 20 de setembro no Auditorio

Ponteareas | As mellores bandas de gaitas de Galicia daranse cita este sábado día 20 en Ponteareas. As rúas e o auditorio cobrarán vida a través do son das gaitas nunha edición especial que medra en número de participantes e contará con once bandas.

O LVII Concurso de gaitas de Ponteareas ofrecerá un pasarrúas a partir das 16:30 horas xusto antes do comezo do concurso de gaitas que comezará ás 17:00 horas con entrada libre para todo o público que desexe gozar deste concurso espectáculo.

Este certame consolídanse como un dos encontros de referencia da música tradicional galega ao ser unha das festas máis antigas de Galicia no panorama musical. O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Glez. Carrera, adianta que este que este ano o concurso renderá homenaxe ao músico e compositor Ángel Viro Caamaño. “Potenciaremos o coñecemento das e dos nosos músicos e continuaremos recoñecendo a traxectoria daqueles que apostaron pola Cultura e fixeron grande o nome da nosa vila posicionándoo en escenarios, concursos, concertos e festivais de todo o mundo”.

Premios
O LVII Concurso de Gaitas de Ponteaeras está dotado dun orzamento para premios de ata 9.800€ achegados pola administración local e diversos obsequios materiais cortesía de Artesanía de Galicia. Deste xeito, o primeiro clasificado recibirá unha contía de 2.000€ e unha gaita tradicional do Obradoiro de Gaitas Gil; o segundo, de 1.600€ e un tamboril de Sanín Percusión Tradicional; o terceiro, de 1.200€ e o cuarto, de 800€. O resto de grupos recibirán unha cantidade de 600€, independentemente da súa posición clasificatoria.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, agradece a importante colaboración de Artesanía de Galicia e de todos os membros do xurado que cos seus coñecementos e traxectoria engrandecen o concurso e adianta que seguirán apostando pola Cultura e pola conservación das tradicións.

Un xurado de excepción composto polos músicos e artesás gaiteiros José Manuel Gil, Antonio Gutiérrez, Isidro Vidal, Lola Fernández “Lola de Ribeira” e Marcos M. García Martínez. Este ano incorpórase como membro do xurado o gañador do Trofeo McCrimmon no Festival Interceltic de Lórient 2025, o músico de orixe ponteareá Rafael Carracedo que tamén se subirá ao escenario para interpretar algunhas cancións.

Na edición do pasado ano o grupo mosense Redemuíños resultou gañador do concurso coa interpretación de “Muiñeira Lixeiriña” de Xosé Bandín e a “xota de Riotorto”, recollida por Florencio “o cego dos Vilares”, a cargo dos gaiteros Roi González e Serxio Estévez, o bombo de Adrián Pereira e o tamboril de Juan Manuel Pérez, todos de Redemuíños.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.