Do 17 ao 23 de agosto de 2025, Ponteareas volverá a ser a capital da música clásica en Galicia coa celebración do XIII Festival Groba, organizado pola Fundación Rogelio Groba na memoria do compositor ponteareán Rogelio Groba Groba (1930-2022) Falamos co seu fillo, Rogelio Groba Otero, actualmente director da Orquestra de Cámara Galega.
XIII Festival Groba 2025. Que novidades agardamos para esta edición?
A presenza de solistas que nunca estiveran no Festival, como os violinistas Amaury Coeytaux (Francia) e Veriko Tchumburidze (Xeorxia-Turquía), a violista chinesa Lousha Fang, a violoncelista canadense Luka Coetzee, o violoncelista francés Henri Demarquette, así como as pianistas Zee Zee (China) e Marianna Prejevalskaya (Moldavia), entre outros, enriquecerá esta edición na que, por primeira vez, programaremos o octeto de Mendelssohn, unha obra emblemática da literatura musical universal, xunto con outras pezas como o Quinteto de Dvořák, grandes referencias do repertorio clásico.
“A presenza de solistas que nunca estiveran no Festival enriquecerá esta edición”
É director da Orquestra de Cámara Galega e presidente da Sociedad Filarmónica de A Coruña. Cómo observa o presente e o futuro da música clásica en Galicia?
Con positividade desde o noso traballo, porque seguiremos incansablemente defendendo a figura de Rogelio Groba, que consideramos un dos mellores compositores que temos en España, e con preocupación pola falta de visión e de estratexia a longo prazo das institucións públicas cara á difusión do noso patrimonio.
Coa Residencia de Artistas “Artistea”, o Concello de Ponteareas pretende convertir ao Condado na referencia cultural de Galicia. Cre que esta iniciativa conta co potencial suficiente para alcanzar este obxectivo?
No noso programa de Mentonship do Festival Groba, un cuarteto de instrumentistas alemás residirá nesta institución e deixará o seu traballo dunha experiencia única e irrepetible dentro da beleza efémera que caracteriza a música. Polo tanto a música formará parte deste proxecto, sumando diversas iniciativas artísticas.
“A música formará parte da Residencia de Artistas Artistea, sumando diversas iniciativas artísticas”
Qué contribución considera que a Fundación Groba pode realizar nese sentido?
A Fundación Rogelio Groba ten un claro obxectivo: seguir reivindicando que temos un patrimonio musical universal e que co noso traballo temos que revertir un claro déficit da nosa música nos nosos teatros e auditorios.
Cal é a ensinanza que considera a máis importante por parte do seu pai?
Dentro das moitas ensinanzas que unha persoa tan importante e cunha visión tan elevada sobre o mundo artístico deixoume claro que a cidadanía do noso país ten dereito a coñecer as maiores expresións artísticas que compoñen o noso acerbo creativo e cultural. Neste caso específico da música, que é o noso ámbito, a nosa cidadanía non pode amar o que non coñece, non podemos vivir de costas á nosa creatividade, aos nosos artistas, aos nosos creadores, as nosas puntas de lanza, que reivindican a nosa personalidade cultural nun mundo completamente globalizado. Temos que apostar firmemente pola nosa cultura pero non con palabras vácuas senón con feitos. Temos un grave perigo de colonización cultural e, polo tanto, de perda de personalidade.
“Temos un grave perigo de colonización cultural e, polo tanto, de perda de personalidade”
Na súa prolífica traxectoria profesional, cal é o momento que lembra con maior satisfacción?
Todos os concertos nos que puidemos levar a nosa música para o coñecemento da cidadanía dende a vila máis pequena de Galicia ata os concertos internacionais en Bruxelas, Nova Iorque, Bos Aires, Xénova, etc.