A Fundación Insua dos Poetas entregou os premios da XVII edición da Festa da Palabra

Reinvidicou a cultura galega e homenaxeou a Castelao cunha escultura

O Carballiño | A Fundación Insua dos Poetas entregou galardóns nas súas diversas categorías na Festa da Palabra celebrada en A Esgueva, Madarnás. O premio de literatura foi para o escritor César Lorenzo Gil, tamén coñecido como César Cequeliños. No apartado que recoñece o emprego da lingua galega nos medios, María Xosé Porteiro foi a distinguida como xornalista, política e escritora. En canto á defensa e impulso da cultura, o xurado outorgou este galardón á Editorial Galaxia.

Na categoría de colectivo destacado por un esforzo de galeguización, premiouse á Irmandade Sanitaria Galega, e no apartado de defensa do medio ambiente o galardoado foi o CEIP Curros Enríquez, de Celanova. No ámbito audiovisual, o premio enxalzou o traballo que fai o Cine Club Padre Feijóo de Ourense, e en lingua e cultura galega na emigración o galardoado foi Ramón Aguiño López.

75 aniversario do pasamento de Castelao
Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, valorou o legado cultural, político e social do homenaxeado, así como o seu vínculo coa provincia. Recordou o importante apoio que recibiu él no exilio por parte do colectivo de ourensáns emigrados. Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, destacou “a gran demostración da riqueza cultural e lingüística galega que supón, cun valor engadido como é a contorna natural do espazo”.

A xornada incluíu un concerto do grupo Tres Pesos, ademais do tradicional xantar popular. Alguns asistentes mercaron o libro “Castelao escritor”, publicado pola editorial Galaxia con textos de Eduardo Blanco Amor editados por Luis González Tosar e Alexandre G. Corbillón. Trátase dun volume que recolle ensaios e análises que exploran a obra de Castelao e o seu papel como defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, como caricaturista crítico ou como autor de textos sobre a emigración e o exilio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.