
Santiago de Compostela acolleu o xoves 30 de outubro de 2025 a clausura do 25 aniversario do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2025. O seu creador, Francisco Peña (Ponteareas) respondeu a unha serie de preguntas relacionadas con este programa e como foi a súa creación e xestión. O traballo de Francisco Peña colocou Galicia como referente das iniciativas locais contra o cambio climático, mellora da saúde ambiental e da sustentabilidade.
Cal é o grao de satisfacción logo de dúas décadas e media co programa “Concellos Saudables”?
O meu grao de satisfacción logo de todos os apoios recibidos e logo de corenta e seis anos que levo traballando neste tema, seguirei nesta dinámica. Mais que sinte Francisco Peña? Pois que cando tes a sensación de ter o deber cumprido e de ter o privilexio de ser un dos primeiros que abriu camiño e ter aportado o teu gran de area, iso é o máis importante. O programa naceu no ano 2000 mais eu levaba xa desde 1979 así que durante o acto na Cidade da Cultura fixen un percorrido histórico polos meus inicios na saúde ambiental. Era unha posibilidade, a de abrir un camiño inédito que ninguén abrira até o momento. Esta iniciativa foi pioneira no seu campo mesmo podo dicir que a nivel mundial. Logo, que dure vinte e cinco anos e percorra en toda unha comunidade e con 67 iniciativas, deles sete congresos internacionais, 8 de ámbito galego, 3 de ámbito provincial e o resto son os famosos “Cursos de Saúde Ambiental” de ámbio local e comarcal.
Cal era a idea primixenia detrás dunha iniciativa como é a Rede de Concellos Saudables?
Pois que a sustentabilidade ambiental é o camiño, a saúde ambiental é o camiño e a sustentabilidade coa saúde ambiental. A premisa de todo isto foi mostrar as ferramentas que debemos ter para construír cidades máis saudables, máis reslientes e os instrumentos de xestión ambiental e tecnoloxías de saneamento. Tamén buscamos chegar á poboación para que houbese unha educación ambiental entre as persoas.
“A premisa de todo isto foi mostrar as ferramentas que debemos ter para construír cidades máis saudables, máis reslientes”
Isto significou traballar con todas as administracións, entidades sociais, etc., que había en Galicia naquel momento?
Desde o primeiro momento o programa tiña claro que se debía unir todos os sectores, axentes sociais e entidades públicas buscando a unidade de acción. O primeiro paso foi xuntar as diferentes administracións públicas, o mundo empresarial, colectivos e movementos sociais e todo o tecido educativo. Todo para que desde os concellos que foron sede desta rede se irradiase a percepción de que o medioambiente é unha cuestión global e debe traballarse de maneira coordinada. Incluímos aquí desde o saneamento das augas até o patrimonio natural para a súa preservación. Se houbo algún tipo de política foi a da integración, ademais de ter a ciencia como principal apoio.
Como é posible convencer a todos estes sectores para participaren nunha iniciativa como esta?
Hai que perseverar, ter constancia, crer firmemente no que fas e facelo con vocación de servizo público. Tamén algo moi claro, a formación e investigación en educación ambiental ten que ser un instrumento de servizo para a sociedade, nunca un servizo de negocio porque senón perdería a súa identidade. Ademais, este programa permitiu grazas a bolsas e axudas, optimizar esforzos e recursos. Isto tivo un esforzo, claro, que consistiu en encontros e reunións para buscar a unidade dun grupo importante de persoas para convecelos de que ese era o camiño. Durante estes últimos anos podemos ver coa Axenda 2030, con todo o que se presenta a nivel internacional coa OMS a importancia de temas como os que tratei desde finais dos anos 1970. Temos que ir camiño da saúde planetaria, non queda outra usando as ferramentas axeitadas para a resiliencia do planeta fronte o cambio climático. Á parte, debemos ter en conta a prevención e a xestión ambiental no momento de emprender calquera plan pois o futuro necesita de iniciativas consensuadas entre os diferentes sectores sociais.





