A folga do SAF de Ponteareas: entre a “desconvocatoria” e a “suspensión temporal”

O Concello anuncia a “solución do conflito”; o Comité de Folga e a CIG reiteran que o paro volverá en caso de incumprimento

Ponteareas | O concelleiro de Facenda, Francisco Represas, responsable do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), informou este 1º de decembro que, tras 68 días, a folga convocada polo persoal do SAF queda desconvocada unha vez que Óbolo, a empresa concesionaria, solucionou os problemas no pagamento das nóminas e na cotización á Seguridade Social.

Pola súa banda, dende o Comité de Folga do SAF indicaron que o acordado trátase dunha “suspensión temporal” da folga, e que pode volver a ser convocada en caso de non cumprirse cos termos do acordo. Neste sentido, a empresa Óbolo reiterou por escrito escrito, diante da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), o seu compromiso á hora de cumprir as condicións esenciais do contrato antes do vindeiro 31 de decembro.

De acordo a fontes do Concello, entre algúns dos acordos asinados están o establecemento dun mínimo do 60% do persoal a xornada completa e as traballadoras que no intre da sinatura teñen unha xornada superior ao 90% se lles ofrecerá a conversión a tempo completo. Ademais, a petición das traballadoras, a empresa concesionaria aceptará como horas extraordinarias todas as que pasen das 39 horas semanais así como descansos semanais de 48 horas, abonar as horas extras para xornadas superiores á completa e asumir obrigas en materia de saúde laboral e formación. Ambas partes tamén se comprometeron a constituír o Comité de Saúde e se dará difusión e formación á plantilla en relación aos protocolos de acoso.

CIG: “a folga volverá en caso de incumprimento do acordo”
Dende a CIG explicaron que as traballadoras víronse na obriga de solicitar o pasado 20 de outubro a mediación do CGRL argumentando a “total indefensión” por parte do Goberno local e a súa negativa a extinguir o contrato coa concesionaria.

Igualmente indicaron que “as traballadoras retomarán a folga se a empresa non cumpre o acordo” e que “a empresa Óbolo non queda exonerada da actuación da Inspección de Traballo a respecto das posíbeis responsabilidades derivadas dos incumprimentos”.

Por outra banda, a central sindical informou que o vindeiro 2 de xaneiro de 2026, o Concello recibirá por rexistro un informe co grao de cumprimento do acordado e advirten que non dubidarán en retomar a folga e a solicitude de extinción do contrato.

PSOE: “incompetencia do goberno municipal”
Dende o PSOE de Ponteareas acusaron ao goberno tripartito PP-ACiP-IP de “incompetencia”, reafirmando o seu compromiso cos dereitos laborais e a calidade dos coidados.

Indicaron que o acordo, “lonxe de significar o fin do conflito”, busca “facilitar unha última oportunidade para que se garantan todos os dereitos das profesionais e a correcta prestación do servizo” toda vez, “a día de hoxe seguen sen cumprirse aspectos fundamentais que a concesionaria está obrigada a respectar” acusando ao goberno municipal de “coñecer esta realidade e ocultala”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.