A Fiscalía de Vigo notifica a “correcta actuación” do Concello de Ponteareas no conflito do SAF

Noutro tenso pleno municipal, PeC esixiu a dimisión da Alcaldesa e BNG acusouna de “violencia institucional”

Ponteareas | O Concello informou que a Fiscalía de Área de Vigo vén de notificar a resolución relativa á denuncia presentada pola CIG o pasado 24 de outubro na que solicitaban a investigación por vía penal da intervención do Concello no expediente do SAF.

A notificación concluíu as dilixencias sen apreciar indicios de ilícito penal nin posibilidade de recurso estimando que “la documentación remitida pone de manifiesto que por parte del Concello se desarrolló una actividad de vigilancia del adecuado cumplimiento del contrato suscrito”. Ante isto a Fiscalía acordou: “o arquivo destas dilixencias de investigación penal por non apreciarse que presente caracteres de delito”.

Un novo pleno municipal de tensión
No marco do pleno municipal celebrado o 25 de novembro, Ponteareas en Común (PeC) expresou a súa máis firme condena polos feitos acontecidos durante o mesmo e nas horas anteriores e posteriores, onde as traballadoras do SAF foron desaloxadas pola forza á mañá seguinte do salón de plenos tras un novo episodio de tensión que, segundo denuncian elas mesmas, incluíu provocacións e posibles agresións por parte da alcaldesa, Nava Castro. Por estes feitos, PeC esixiu a dimisión da Alcaldesa.

Pola súa banda, o BNG acusou a Nava Castro de “incendiar o conflito do SAF con provocacións e violencia institucional” negándose a “atender e debater unha demanda de urxencia social, abandonando o Pleno e blindando a porta pechada, deixando fóra ás traballadoras” cunha actitude que consideraron como “macarra, provocadora e absolutamente impropia do cargo”.

O PSdeG-PSOE tamén criticou a actitude da Alcaldesa que “en lugar de buscar unha saída ao conflito dedícase a provocar e a amedentrar ás traballadoras, agravando unha situación xa de por si insostible”. Os socialistas criticaron igualmente que a suspensión do pleno supuxera a “aprobación sen debate dos Orzamentos 2026”.

Nava Castro: “ataques inaceptables e machistas”
Mediante comunicado, a Alcaldesa Nava Castro respondeu aos feitos ocorridos considerando que “o ocorrido no salón de plenos supera todos os límites aceptables”. Acusou aos grupos da oposición de “coaccionar á Alcaldesa”, alterando a orde do día cuxo primeiro punto era a aprobación dos Orzamentos 2026.

Indicou Castro que “a actitude dos grupos da oposición cara esta Alcaldesa estivo cargada dun evidente sesgo machista. Uns tons, uns xestos e unhas formas que non empregarían diante dun Alcalde home” e “unha vulneración da democracia local e do respecto institucional” que “non se volverá permitir”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.