A Festa dos Callos pon o broche de ouro ás Festas do Cristo 2025 no Porriño

Servíronse 9.800 racións

O Porriño | Sabor a éxito hoxe no Porriño. A capital do Val da Louriña está a vivir hoxe unha das xornadas máis multitudinarias do ano coa celebración da XXXII Festa dos Callos, que se consolidou como unha cita imprescindible no calendario gastronómico e festivo da vila. Dende o mediodía, unha multitude de veciños e visitantes degustan este prato tradicional do municipio, que se sirve en 33 establecementos de hostalería, cada un cunha receita única pero todos ao prezo único de 8 euros.

A acollida non puido ser mellor: 9.800 racións foron servidas ao longo da xornada, esgotándose en moitos locais, nun ambiente amenizado por batucadas, charangas e actividades para toda a familia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mostrou a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e agradeceu a implicación da hostalaría local e a participación masiva da cidadanía. “Hoxe o Porriño volveu demostrar que é un lugar onde tradición, innovación e festa camiñan da man. A Festa dos Callos non é só unha cita gastronómica, é un reflexo do mellor que temos como vila: unión, creatividade e hospitalidade. Quero agradecer o esforzo de todos os locais participantes e o entusiasmo da xente que nos está a acompañar”.

A xornada comezou pola mañá co Torneo Individual Patín Porriño no pavillón municipal. Pola tarde, a Praza 8 de Marzo acolle as finais do certame “Tes Talento?”, que comezarán ás 17.00 horas coa categoría infantil, na que competirán seis rapaces menores de 15 anos, e continuará ás 19.00 cos 12 participantes que se clasificaron nas semifinais de onte. A Banda de Música Cultural de Salceda ofrecerá un concerto, ás 19.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e xa a partir das 21.00 horas, verbena de peche de programación con El Combo Dominicano, na rúa Antonio Palacios.

“Non se me ocorre mellor forma de despedir as Festas do Cristo 2025 que cun día como o de hoxe, cheo de vida, cultura e sabor. Xa estamos a pensar na edición do ano que vén, pero antes, toca agradecer a todas as persoas, asociacións e entidades que fixeron posible este mes inesquecible”, concluíu o rexedor.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.