A Festa do Polbo xa é de Interese Turístico Internacional

Celebrase no Carballiño o domingo 14 de agosto

O Carballiño | A Festa do Polbo do Carballiño lévase celebrando de maneira ininterrompida desde 1962 o segundo domingo de agosto de cada ano, cumprindo por tanto este ano a súa 58ª edición.

Tras ser declarada o 12 de xullo de 2012 como Festa de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, decídese desde o Concello do Carballiño rexistrar a marca, tanto da festa como da mascota.

En abril deste ano o Concello presentou a solicitude ao Estado para a declaración da Festa do Polbo como Festa de Interese Turístico Internacional co informe favorable da Xunta de Galicia é foi concedida pola Secretaría de Turismo do Goberno central.

Máis de 50 anos ininterrompidos de festa e historia (a excepción do 2020, onde a festa se celebrou de xeito máis simbólico polas restricións derivadas da Covid-19) que poden parecer insignificantes se se lles compara cos máis de tres séculos desde a introdución deste produto mariño nas terras do interior de Galicia, pero que resultaron ser máis que suficientes para alcanzar a cualificación da maior manifestación gastronómica de Galicia.

É pois unha romaría contemporánea, que conserva, con todo, todos os ingredientes das antigas romarías galegas.

O seu éxito parte, sen dúbida, do seu entroncamento cunha das manifestacións gastronómicas máis exclusivas e antigas de Galicia, a degustación do “Pulpo á Feira”, sendo a localidade de Santa María de Arcos, lindeiro co Carballiño e a cuxo concello pertence, o seu berce, ou máis ben, o das “pulpeiras” e “pulpeiros”, auténticos artesáns da súa preparación e garantes por tradición familiar e secular de todos os seus segredos de elaboración.