A Festa do Boi de Allariz volve este 2022 do 11 ao 19 de xuño

Organiza a festa a Asociación Cultural Xan de Arzúa

Allariz | A vila ourensá de Allariz celebrará a Festa do Boi 2022 do 11 ao 19 de xuño. Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid, o tenente de alcalde, Bernardo Varela e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, presentaron as datas e a imaxe da festa. Tamén os acompañou o ilustrador Miguel Robledo, quen deseñou a imaxe para este 2022.

Juan Antonio Seara, membro da Asociación Cultural, e encargado da parte histórica, explicou que parte da programación está aínda sen pechar pero que contan que a finais de mes se poida dar a coñecer as actividades totais que encheran as rúas de Allariz.

Durante nove días desenvolveranse actividades musicais, teatrais, encontros populares así como saídas do boi que farán que a veciñanza de Allariz, e as persoas que se acheguen a mesma, podan gozar de novo da Festa do Boi.

A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 500 persoas participaron na teatralización na última edición, e agardan que este ano se iguale a participación dos gremio ataviados cos seus respectivos traxes e representen, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.

Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as carreiras de boi infantís, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil e algunha que outra novidade. Ademais coa colaboración da concellería de cultura realizaranse obradoiros co CEIP Padre Feijóo de Allariz.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa. A asociación está a traballar para pechar todo o apartado de música que intentará contar con grupos de gaiteiros, charangas, e grupos musicais entre outros.

A Festa do Boi conta cun orzamento, sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución todos os anos. O carácter popular da mesma fai que a Festa do Boi sexa do pobo para o pobo. Así mesmo Miguel Robledo explicou o que pretende expresa co cartel que deseñou ese concepto da Festa do Boi de mitoloxía.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, explicaba durante a presentación a importancia que a Festa do Boi ten para Allariz como axente de cohesión entre xeracións. Actividades como a representación histórica, a cea popular e que a organización da propia Festa, que a realizan persoas voluntarias, contando por suposto co apoio do Concello, asegura o éxito do evento. Como resaltaba a alcaldesa esta Festa é organizada por veciños e veciñas e para goce de todos e de todas, como parte da nosa historia e da nosa tradición.