A Festa da Palabra 2021 dedicada aos “Seis Poemas Galegos” de Federico García Lorca

Tera lugar o próximo día 3 de xullo na Insua dos Poetas (O Carballiño)
Luis González Tosar (Buenos Aires, 1952), fundador e presidente da Insua dos Poetas.

Por Luís González Tosar

O Carballiño | É unha homenaxe de agradecemento a Federico García Lorca. A primeira que se lle fai por ter escrito os Seis Poemas Galegos no noso idioma, publicados en decembro de 1935, con Prólogo de Eduardo Blanco-Amor, por Ánxe Casal na Editorial Nós, de Santiago de Compostela. Aquel libriño, apenas 35 páxinas, foi secuestrado na imprenta-editorial polos falanxistas de Compostela, xunto con outros títulos que aínda non foran distribuídos, nos derradeiros días de xullo de 1936.

“Aquel libriño, apenas 35 páxinas, foi secuestrado na imprenta-editorial polos falanxistas de Compostela, xunto con outros títulos que aínda non foran distribuídos, nos derradeiros días de xullo de 1936”

Depositados os libros na rúa Nova, procederon a queimalos. O editor, Ánxel Casal foi detido e encarcerado. Na madrugada do 19 de agosto foi paseado e o seu corpo apareceu nunha cuneta en Cacheiras, Teo.Un día antes, na madrugada do 18 de agosto daquel fatídico 1936, Federico García Lorca fora asasinado no Barranco de Viznar, nas aforas de Granada.Hoxe, 86 anos despois da súa publicación, aquela primeira edición doe “Seis Poemas Galegos” de FGL, é unha rareza bibliográfica, practicamente inencontrable.

Sen embargo, os seis poemas que Lorca quixo escribir en galego para honrar a nosa lingua e para poñer de relevo unha das literaturas máis antigas e prestixiosas de Europa, son os textos galegos máis reeditados, difundidos e traducidos do século XX e do que vai do XXI.
A Fundación Insua dos Poetas tomou a iniciativa de homenaxear os ” Seis Poemas Galegos” na XIII FESTA DA PALABRA, a traves de diversas actividades literarias e musicais na xornada do sábado 3 xullo.

Insua dos Poetas
A grandeza da palabra en galego desta alfaia será incorporada á Insua dos Poetas ( A Esgueva, Madarnás, O Carballiño) cunha instalación artística, obra da escultora Soledad Penalta, que interpreta, de maneira simbólica e incorporando a grafía orixinal, o fondo sentimento e a grande altura literaria de Federico García Lorca, un andaluz universal que amou a Galicia, ás súas xentes, ao seu idioma e á súa cultura.