Ponteareas | Polo seu valor cultural e turístico, polo arraigo na tradición e a historia do rural Galego e pola súa continuidade no tempo a Feira Tradicional dos Remedios foi declarada no día de onte Festa de Interese Turístico de Galicia polo Consello da Xunta de Galicia. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosa a súa satisfacción por este novo logro que outorga recoñecemento e valor a esta celebración que cada ano gaña en número de participantes e visitantes.
Precisamente isto último son algúns dos factores que se teñen en conta para a súa valoración, a participación cidadá, así como a orixinalidade e a diversidade de actos e accións promocionais. “Unha vez máis Ponteareas amosa o seu potencial e capacidade para organizar eventos e accións de dinamización social, cultural, económica e turística e obtén o apoio das administracións para recoñecer o interese da nosa Feira dos Remedios”.
De acordo co previsto no artigo 93.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, a Administración da Xunta de Galicia poderá declarar festas de interese turístico de Galicia aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico, requisitos que a Feira dos Remedios demostra ter.
Edición tras edición, cada mes de setembro a Feira Tradicional dos Remedios rememora os mercados de principios do século XX e reúne nas súas prazas e rúas postos de oficios artesáns, feira do gando, postos de venda de produtos gastronómicos ou venda de artesanía que se completan cunha oferta de obradoiros, música tradicional ou actividades como as de cata de viños e degustacións de produtos locais.
“Agradecemos profundamente este recoñecemento. Seguimos avanzando e posicionándonos turísticamente, a inclusión no catálogo turístico galego supón unha maior proxección e contribuirá a que medre e se converta nun potente activo turístico e económico”.
A concelleira de Turismo, Raquel Bautista, celebra esta declaración que premia o esforzo e iniciativa das persoas que no ano 2007 botaron a andar a primeira edición e de todas aquelas que conseguiron prolongala ata o día de hoxe. Raquel Bautista adianta que xa se traballa na vindeira edición, “volveremos ter a feira de animais con razas autóctonas fomentando o coñecemento do noso gando, os postos de artesáns volverán ás prazas, os obradoiros como o de forxa, talla de madeira ou alfarería estarán de novo presentes así como as catas de viño e as degustacións de produtos locais”.
Entregados premios de Saborotea
Dinamizar a hostalaría, promover o encontro e facer a vila máis atractiva son algúns dos obxectivos do concurso de almorzos Saborotea que pecha a segunda edición coa exitosa cifra de preto de 2.000 almorzos servidos nos once locais participantes.
O Saborotea conseguiu achegar o público á hostalaría local, descubrir novos locais e promover as “quedadas” arredor da gastronomía local. “Ofrecer alternativas de lecer e fomentar a vida social a través de actividades fai que as nosas rúas e prazas se enchan de persoas que no seu tránsito e paseo paran nos escaparates e desfrutan do seu tempo na hostalaría local”, explicou o concelleiro de Comercio, Ricardo González, no transcurso do acto de entrega de premios do concurso Saborotea que nesta edición gañou La Chiquitita coa proposta “Peramelizada en brioche”, queixo mozzarella e gorgonzola, pera caramelizada e virutas de bacon acompañadas por un chupito de mango e soia con sementes de chía.
O xurado composto polas profesoras do Ciclo Medio de Panadería, Repostería e Confitería da EFA A Cancela acordaron entregar o segundo premio a El Regreso que presentou unha “Tosta dos Sentidos” en pan de sementes con AOVE, confitura de pemento de Guláns, rúcula, mango, queixo de cabra gratinado, crema de módena, framboesa e noz cunha alternativa para celíacos.
O terceiro premio recaeu na cafetería Romi A Romi 2.0 que quixo levar a versión do ano pasado un paso máis aló pero sen perder a esencia da Romi, mantendo a base de marmelada de pemento de piquillo e queixo tetilla fundido sumando atún como achega de proteína, unha fresca mestura de cóengos e rúcula, aguacate para darlle untuosidade e unhas sementes de sésamo.
A cafetería gañadora recibiu un vale para un curso profesional de elaboración de brunchs para catro persoas e o segundo e terceiro premio poderán desfrutar dun curso de varistas para tres persoas agasallo da empresa Cafés DoNoso.
Concello e xurado decidiron salientar tres aspectos dos almorzos, a calidade do café, os beneficios para a saúde e o servizo prestado. Así, entregaron unha mención especial ao Café Cortiñas como mellor café, a Papelón con Limón como almorzo saudable e á cafetería Goya.
A todos os locais participantes non premiados o Concello entregou un vale de 30€ para mercar no comercio local, “conectando así comercio, hostalaría e clientes para todos xuntos facer vila”, explicou o Concelleiro de Ensino sinalando a importancia de deseñar accións conxuntas que dinamicen a economía e a vida social.
No transcurso do acto tamén se procedeu ao sorteo público dos premios para os clientes que depositaron debidamente selado o seu pasaporte nas caixas habilitadas nos locais participantes. Lotes de viños, vales para as termas de Salvaterra de Miño, vales para o circuíto termal de Mondariz, menus para ceas e almorzos, entre outros moitos premios aportados por empresas, comercios e hostalaría local. O concello tamén sorteou vinte vales de 20€.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, felicitou a todos os locais participantes e agradeceu a colaboración do xurado. “Estou moi orgullosa porque hai un importante salto cualitativo e se o ano pasado todos os almorzos eran apetitosos este ano moitísimo máis porque hai un plus de innovación e creatividade que amosa a vosa implicación e gañas de superación. Algo que reverte na mellora da oferta para o cliente”.