A Feira do Viño de Amandi “contribue ao patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra”

O conselleiro de Cultura enxalzou a paisaxe singular e a viticultura heroica

Sober | José López Campo, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, enxalzou a Feira do Viño de Amandi “pola súa contribución ao patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra, vencellado coa cultura do viño, e por reflectir con autenticidade as formas propias de socializar, celebrar e vivir en comunidade dos nosos pobos”.

Acompañado por Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, López Campos salientou como elementos singulares desta zona as súas vides, “que conforman unha paisaxe singular e única da chamada viticultura heroica” e que lembrou que están integradas “entre os excepcionais atributos que se recollen na candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, da que estamos confiados en que este ano acabará formando parte da Lista de Patrimonio Mundial da Unesco”, aseverou.

Lembrou que se está xa na recta final do proceso da candidatura, ante a avaliación final que terá lugar en xullo en Busán, cidade de Corea do Sur, “unha cita para a que as expectativas son boas despois do traballo técnico rigoroso realizado”, asegurou. Neste senso, o conselleiro queixo agradecer a “total colaboración” do Goberno central e da administracións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a Ribeira Sacra “e especialmente, hoxe, aproveitando esta feira, a toda a veciñanza, como a de Sober, implicada desde o minuto un do proceso”, concluíu. Na foto o conselleiro de Cultura.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.