A feira do Castro o 3 de abril, 75 anos atrás

Artigo de colaboración de Olegario Sotelo Blanco

Castro Caldelas | Coincidindo co inicio da primavera, esta feira sempre foi das máis importantes do ano. Esta mañá fun facer fotos aos feirantes do cruce, baixo o niño da cegoña que dá voz da súa migración. Tamén a Praza do Prado do Castro de Caldelas está ateigada de tendas que venden de todo, ao estilo bazar.

A memoria levoume 75 anos atrás, cando acompañando a miña nai vin á feira do Castro por primeira vez. Viñeramos no cabalo branco… Ben, nós andando, porque nas alforxas do cabalo viñan unhas ducias de ovos, dous galos coas pernas atadas e, enriba do albardón, un par de cabritos. Toda mercancía para vender.

Aproveitando a viaxe, Concepción, que era calculadora, traía oculto baixo unha manta uns quilos de ferro de contrabando de San Clodio que daría ao ferreiro, pai do Nano, para que fixera un par de rellas para o arado.
Antes de entrar no Castro fixemos unha parada porque Concepción, que tamén era coqueta, cambiaba as galochas do camiño por uns zapatos que lavaba na alforxa cos ovos e os galos. Xa en Trascastro recibiunos o chamado “home dos puntos”, un fielato que cobraba unha peseta por cada animal a vender.

Na feira instalámonos diante da ferraxería, pois os animais pequenos non ían ao Toural. Deixaramos a ferralla un pouco máis arriba e, xa instalados fronte da de Martina, vendemos a mercancía moi rápido porque era de excelente calidade. Concepción gardou os cartos na faldriqueira e subimos ao toural para que eu vise as vacas e bois que había. Logo, colleu da alforxa un bo anaco de pan de centeo cuns chourizos e démoslle conta.

De volta, pasamos polo Comercio Novo mercar aceite, bacallau e outros comestibles. Tamén paramos no de José María, a quen chamaban o Cagapoquito polo agarrado que era, e alí foi onde Concepción gastou todos os cartos que gañara. Mercou tea para facer unhas sabas e para min mercou unhas galochas, un pantalón de pana e un maletín de madeira cun taboleiro de lousa para escola… para o meu pai unha gorra bilbaína.

Daquel mundo que ollou un neno de cinco anos un día de feira, hoxe hai todo un universo que pode albiscar agora un que xa é vello.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.