A enxame e a obreira.

Volve Antía Otero á escrita poética con esta obra individual despois do último poemario, “(Retro)visor” publicado por Xerais en 2010. Especifícase “escrita” e “individual” porque o xénero lírico non o abandonou nunca, sexa como editora no proxecto Apiario, sexa como investigadora ou como colaboradora en obras colectivas. A distancia reverte en maduración, mesmo en cambio de estación, aínda que se percibe o mesmo pulo vital que converte as nostalxias en ímpetos, en azos electrizantes cos que prender o futuro. Desde esta perspectiva actívase o potencial connotativo do universo das abellas para pescudar nos espazos das orixes, testemuñas vivas dos sucedidos que adiantan algúns presentes. Vólvese así no comezo do libro á casa matriz, ao tempo da infancia e dun rural que, igual que as abellas domésticas, está a mudar.

O efémero mídese en sensacións, en sons dos animais que conviven coas voces do cd da Velvet e os zunidos dos electrodomésticos, mídese nos olores da vida que, do mesmo xeito que a fealdade, teimamos en agochar. Mais fican os obxectos do cotián, como ben amosa (aínda que non só) o poema “Son os abázcaros” (p. 46) para darlles consistencia á fraxilidade dos recordos. As potas granates, as botas de goma, as cuncas, os enchufes, os almanaques, as estampas lembran como a superficie do familiar tamén foi territorio da tensión onde houbo que aprender a domear os medos. “As casas deixan cicatrices” (p. 22) é título dun texto e sentenza ao mesmo tempo, que recolle ben a primeira etapa da viaxe que se propón na obra. Cara a metade avánzase desde o espazo cara a experiencia, a persoal entendida en ocasións como morte e desengano, como sucesión de finais, pero tamén a colectiva entendida como construción do grupo, como a sororidade das obreiras que resisten contra a obxectualización da súa identidade (de novo os obxectos) que tratan de fixar os relatos masculinos da historia, dos mitos, do mercado e da arte.

Controlar o subtexto, rachar cos ditames que tentan ocultar a vida e a morte en eufemismos, saber ver nas miudanzas que se expoñen no mostrador da carnizaría, lexema este último que compite en reiteración cos do campo semántico das abellas, son anuncios do poema final, un canto á existencia sabendo que só estamos a adiar a morte, en homenaxe á forza das avoas, figura tan reivindicada polas poetas contemporáneas. Unha ollada sen autocensura que desde unha linguaxe directa e tallante remexe no real e no subxectivo para crear un novo real que desbote limitacións, tamén de xénero, como demostra a fermosa versión visual dun texto do libro: https://vimeo.com/190879830.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.