A EDAR de Ponteareas completa o saneamento integral municipal

A nova depuradora foi inaugurada cun investimento de 18M€

Ponteareas | “Hoxe é un día moi importante para Ponteareas porque despois de moitos anos de demanda e espera temos unha nova depuradora na Moscadeira, unha infraestrutura indispensable para acompañar o presente e o futuro de Ponteareas e que posibilita grandes proxectos como o novo centro de saúde para o que a Xunta xa ten unha partida reservada no orzamento do 2026”, con estas palabras comezaba a súa intervención a alcaldesa, Nava Castro, no acto inaugural da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), ao tempo que daba as grazas a todas as administracións presentes e ás 52 traídas de aguas asistentes. No acto estaban presentes o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Gzlez Carrera, a concelleira de Infraestruturas, Raquel Bautista e concelleiras/os do goberno municipal.

A alcaldesa tamén tivo palabras de agradecemento para a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que aportou un 16% do custo das obras ao tempo que agradeceu a ACUAES o adianto dos cartos que agora o Concello deberá devolver ao longo de 30 anos. “Será un esforzo moi grande para o Concello pero era moi necesario contar cunha nova depuradora que tratará todos os residuos e devolverá unha auga limpa respectuosa co medio ambiente, un elemento esencial do que coidaremos e protexeremos”, engadíu a rexedora local.

Tal e como suliñou Nava Castro, o goberno seguirá traballando e xa está en marcha o proxecto integral do ciclo da auga que conta cun investimento de 18 millóns de euros para saneamento integral de todas las parroquias. A nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) beneficiara unha poboación de máis de 20.000 habitantes equivalentes e dene o mes de setembro de 2025, o Concello de Ponteareas asume a xestión da explotación das instalacións.

O proxecto implicou a ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira, que inclúe a rehabilitación e ampliación da obra de chegada e pretratamento de augas, a ampliación da capacidade de tratamento do reactor biolóxico, a execución dun segundo decantador secundario e a adaptación da liña de auga ao novo caudal máximo previsto de 67.392 m3/día.

Ademais, no ámbito do sistema de saneamento do municipio, levouse a cabo a construción dos Colectores Perimetral Norte e Perimetral Sur e rehabilitouse o último tramo do Colector Interceptor del Río Xinzo, incorporando un novo pozo de bombeo que conecta coa depuradora.

O orzamento total da actuación ascendeu a 14 millóns de euros (IVE incluído), que foron cofinanciados nun 50 % con fondos FEDER (tramo estatal), dentro do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE). O Concello de Ponteareas achega o 30 % e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, anteriormente Consellería de Infraestruturas e Movilidad, financia o 20 % restante, en virtude do convenio asinado o 28 de xaneiro de 2022 para a execución, financiamento e explotación das obras.

BNG e PSOE reivindican a súa xestión
O BNG amosou a súa satisfacción pola inauguración da depuradora da Moscadeira, reivindicando que o traballo realizado polo Bloque á fronte do goberno de Ponteareas segue dando froitos con logros transcendentais para as veciñas e veciños.

“O investimento de 14 millóns de euros nesta infraestrutura, grazas ao convenio asinado entre o Concello, a Xunta e o Estado sendo alcaldesa Cristina Fernández, permitiu iniciar en 2023 o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal”, lembra o BNG. A formación nacionalista subliña que estas obras foron imprescindibles para solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, como a contaminación do río Tea e a falta de saneamento no rural”.

O Bloque lembrou tamén que as negociacións co Estado para acadar este investimento xa foran iniciadas por Xosé Represas, e que “tras varios anos de conversas e innumerables xestións, o goberno do BNG logrou o compromiso das tres administracións, nun exemplo de planificación e diálogo en beneficio de Ponteareas. Esa capacidade de xestión fixo posible acometer unha obra cun investimento millonario que, sen ese acordo, nunca estaría ao alcance do Concello”.

O BNG explicou que a execución destas obras ampliou a capacidade de tratamento a 20.000 persoas, eliminando vertidos e sancións e permitindo a ampliación da rede de saneamento a máis parroquias. “O actual goberno podía estar realizando obras de saneamento no rural, porque atopou a ampliación da depuradora en marcha e proxectos elaborados, pero o tripartito de Nava Castro prefire destinar o diñeiro de todas e todos a caprichos, propaganda, e promesas en vez de resolver as necesidades de Ponteareas”, denuncian dende o Bloque.

Así mesmo, o BNG lembra que Nava Castro prometeu que en dous anos todas as parroquias xa terían saneamento, pero “xa pasaron os dous anos e non foron capaces de executar nin un só metro, demostrando que foi unha mentira electoral do PP”.

O Bloque reafirma o seu compromiso de continuar defendendo o saneamento para o rural e de seguir traballando por servizos públicos de calidade que melloren a vida da veciñanza. “O compromiso e a xestión do BNG continúan transformando Ponteareas, producindo resultados duradeiros que están á vista, con proxectos útiles, investimentos reais e avances que melloran o presente e o futuro do noso concello”, conclúen desde o Bloque.

Pola súa banda, a voceira municipal socialista Vanesa Fernández celebrou a inminente inauguración da nova depuradora da Moscadeira como un avance decisivo no saneamento integral do municipio.

Fernández lembrou que a nova instalación, xa operativa con capacidade para tratar 8.894 m3/día dando servizo a 22.522 habitantes, supón un investimento total de máis 14M€ na que o Goberno de España, a través de fondos FEDER, asume o 50% do custo. O Concello achega o 30% a través dun convenio asinado con ACUAES e a Xunta contribúe co 20% restante.

A nova EDAR permitirá cumprir coas condicións de vertido ao río Tea, resolvendo os problemas de depuración que provocaron sancións europeas durante anos. A nova instalación inclúe tamén os colectores perimetrais Norte e Sur, a rehabilitación do colector interceptor do río Xinzo e a incorporación dun novo pozo de bombeo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.