A EDAR de Guillarei bate récord de consumo enerxético

Superando o 30% establecido pola directiva europea para 2030

O Porriño | O Concello do Porriño pon en valor o importante logro da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, pertencente ao Consorcio Augas do Louro, que durante o primeiro semestre de 2025 conseguiu cubrir o 50 % do seu consumo eléctrico con enerxía renovable xerada nas súas propias instalacións, marcando un récord de autoconsumo e adiantándose aos obxectivos marcados pola Directiva Europea 2024/3019, que fixa para 2030 que estas estacións cubran polo menos o 30% do seu consumo con renovables.

“A nosa planta non só superou esa cifra cinco anos antes, senón que xa se achega ao seguinte fito do 60% marcado para 2040”, puntualiza Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño e presidente do Consorcio, que integra aos concellos do Porriño, Mos, Tui e Salceda.

Neste sentido, Lorenzo destaca que “estamos dando pasos firmes cara á sustentabilidade e a autosuficiencia enerxética. Este récord amosa que a neutralidade enerxética no tratamento de augas residuais é unha realidade alcanzable con compromiso e tecnoloxía”.

O compromiso do Consorcio Augas do Louro é claro: seguir investindo e innovando para acadar a neutralidade enerxética total antes de 2045 e consolidar un modelo de economía circular na xestión da auga.

Enerxía solar fotovoltaica e biogás
Este avance foi posible grazas, por unha parte, á enerxía solar fotovoltaica, cunha produción de 244.502 kWh mediante os paneis instalados nas súas instalacións; e, por outra, á xeración de 868.575 kWh ao a partir do biogás obtido no proceso de dixestión anaerobia dos lodos de depuración.

Ademais, con esta enerxía limpa producida evitouse a emisión de máis de 257.000 quilogramos de CO₂, á atmosfera, contribuíndo de forma significativa á loita contra o cambio climático. O alcalde asegura que “para O Porriño este avance supón un paso máis cara a un territorio máis sostible e preparado para os retos ambientais do futuro”.

Desde o Concello do Porriño ponse en valor este gran exemplo de innovación, compromiso ambiental e transición ecolóxica, que coloca a nosa comarca á vangarda no tratamento sostible da auga.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.