A Deputación revaldia o seu compromiso cos concellos e aumento os investimentos na provincia

Carmela Silva: “Son os mellores orzamentos de toda a historia da Deputación de Pontevedra e amosan a nosa clara vocación de resposta a unha sociedade en cambio”

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra, con máis dun 30% de transferencias directas fronte á media estatal do 16% ou ao 0,06% que realiza a Deputación de Ourense, segue a ser a deputación provincial que máis recursos transfire aos concellos, tal e como sinalou a presidenta Carmela Silva na presentación dos orzamentos para o 2020. Silva, xunto ao vicepresidente César Mosquera, deu a coñecer o incremento que dende 2015 está experimentando o orzamento, que chegará no 2020 aos 161 millóns de € (un 2% máis que en 2019), ao tempo que se ten reducido drasticamente a débeda: “pasamos dunha institución hipotecada en 41 millóns de € no 2015 a unha administración modélica, que rematará o 2020 moi preto da débeda cero, con 3,9 millóns”.

César Mosquera: “Son a demostración dun goberno sólido, con ideas, impulso e obxectivos claros que se van efectivizando na práctica con bastante presa e pouca pausa”

O orzamento da Deputación para o 2020 será de 160,93 millóns de €, un 2% máis que no 2019, (164,5 millóns co consolidado, é dicir, integrando á Escola de Enfermería e ao Consorcio Provincial contraincendios e salvamento). En liñas xerais, o orzamento da resposta ás cinco prioridades do novo mandato provincial que, tal e como informou a presidenta, son a sustentabilidade e a transición ecolóxica; a economía, innovación e o emprego; o avance socio-cultural e deportivo; a igualdade e a asistencia técnica e económica aos concellos.

Con máis dun 30%, somos a Deputación de todo o estado que máis transferencias fai aos concellos, amais de reducir a débeda. “Dos 41 millóns que atopamos no 2015 pasamos aos 3,9 de agora moi preto da débeda cero”

Máis polo miúdo, a área de sustentabilidade e transición ecolóxica terá no 2020 unha dotación orzamentaria de 27,4 millóns €. Así, a presidenta destacou que gran parte dos Fondos Europeos solicitados e concedidos van nesta liña de actuación e están a permitir desenvolver programas de formación, comunicación, sensibilización e concienciación, pero tamén iniciativas como ESTRAEE, substitución de iluminación exterior por unha nova sostible, substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, ou proxectos para paliar os efectos do cambio climático como AGRITOX aos que a Deputación vai aportar 2,5 millóns de €. Tamén no marco da transición ecolóxica se atopa o Plan Revitaliza, cun orzamento de máis de 2 millóns de € (un millón máis que o ano pasado), e o apoio ao medio rural, con case 2 millóns de orzamento para formación, orientación e despegue de novas liñas de produción no medio rural, así como axudas para as actividades pesqueiras. Outros catro millóns serán destinados a tarefas de investigación sobre o medio desenvolvidos pola Finca Mouriscade e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Tamén se inclúen outros 16,7 millóns de € enmarcados no novo modelo de mobilidade provincial.

En canto á economía, innovación e emprego, o orzamento para o 2020 é de 10,4 millóns de €, incrementándose nun 9%. “Todas e todos temos dereito a un emprego e imos apoiar programas destinados a mellorar a empregabilidade e o acceso ao mercado laboral”, asegurou Silva. Ao respecto detallou que 3,4 millóns irán a proxectos como Labora 2020, Practicum Depo, Depoemprende no ensino ou iniciativas apoio ao autoemprego, pulo ás persoas investigadoras e innovadoras e á mobilidade do alumnado, aos que se engadirán os 9,5 millóns de € da liña 3, de fomento do emprego, do Plan Concellos (total 12, 9 millóns de €). Neste eixo enmárcase o programa SmartPeme, que terá un orzamento no 2020 de 1,5 millóns € (case un 19% máis que no 2019) e as actividades nos viveiros de Barro e Lalín. Ademais, manterase o financiamento da Escola de Cantería, con 811.915 € de orzamento, e incrementarase nun 3,3% o da Escola de Enfermería ata chegar aos 434.833 €. En canto ao turismo, o orzamento será de 3,9 millóns de € para “desenvolver o Plan Estratéxico do sector e afondar na innovación para chegar a un destino internacional, intelixente e innovador”.

O terceiro dos eixos, o avance socio-cultural e deportivo, terá no 2020 unha dotación de 33,9 millóns €. Carmela Silva asegurou que “a cultura é un dereito da cidadanía e debemos democratizala”. Destinaranse 3,4 millóns de € á promoción cultural, aos que se engaden 2,32 millóns dirixidos á xestión do patrimonio material e memoria histórica e case 1 millón de € para a dinamización do galego. Amais, para a xestión do Museo destínanse 5,7 millóns de €. Neste eixo enmárcase tamén o servizo de Cohesión Social e Xuventude, que recibirá no 2020, 5,9 millóns de € para xestionar todos os seus programas de integración social tanto de persoas de maior idade como da xuventude. Ademais, o Centro Social Príncipe Felipe incrementa o orzamento case nun 10%, chegando aos máis de 11 millóns de € para “reformas urxentes”.
O compromiso do goberno provincial co deporte materialízase nos máis de 4,5 millóns de € “destinados á súa promoción, ao apoio aos clubs, federacións e tamén á posta en marcha de iniciativas propias para dar respostas ás demandas da sociedade”.

En canto á igualdade, o cuarto dos grandes eixos do goberno, o orzamento para o 2020 será de 1,34 millóns €. “Dos cero euros que o anterior goberno destinaba á igualdade, nós pasamos a integrala como unha das nosas máximas apostas ata o punto de que no 2020 duplicaremos o orzamento con respecto a 2016”, sinalou a presidenta provincial

No que respecta á asistencia económica e técnica aos concellos, o orzamento da Deputación para o 2020 ten previsto asignar 54,4 millóns de euros. “Significa que nós si damos cumprimento aos principios de solidariedade e equilibrio territorial no marco do respecto á autonomía local e coas mesmas regras para todos, claras, públicas e transparentes” asegurou a presidenta. No marco deste eixo, dedicaranse 42,2 millóns de € a garantir a sustentabilidade financieira dos concellos de menos de 50.000 habitantes a través do Plan Concellos que distribuirá 29,7 millóns de € para investimentos nos concellos (liña 1), 3 millóns para actividades e gasto corrente (liña 2) e 9,5 millóns para empregos nos concellos (liña 3). Ademais, o propio servizo SAIM (Servizo de Asistencia Intermunicipal) contará cun orzamento de 1,8 millóns de € para o 2020.

Amais, Carmela Silva volveu a incidir en que “a Deputación non pode estar mantendo servizos e centros nos que a súa competencia non é nin propia nin delegada como a Escola de Enfermería, a de Cantería, a Finca Areeiro, Mouriscade ou Príncipe Felipe, que teñen un custe de 16 millóns €. Con estes recursos que destinamos a competencias que non son propias teríamos un servizo contra incendios moi potente así que propoño un intercambio: nos financiamos as emerxencias e que a Xunta se quede con estes servizos que son da súa competencia”.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera amosou a súa satisfacción por “uns orzamentos en tempo e forma, que avanzan no acordado e que son unha demostración dun goberno sólido, con ideas, con impulso e obxectivos ben claros que se van efectivizando na práctica con bastante presa e pouca pausa”. Neste eido, explicou que xa en agosto se comezou a traballar no proxecto de orzamentos para o 2020 o que “nos sitúa agora como unha das primeiras administracións locais en presentalos e pon de manifesto a capacidade de traballo e bo funcionamento do goberno”. Mosquera asegurou que “en todo o proceso de negociación sentamos as bases para, nun futuro, ir avanzando nun cambio na Deputación para ser máis áxiles e ir simplificando os programas”. Así, o vicepresidente adiantou que se está a traballar para impulsar “unha xestión económica máis áxil”, cunha maior rapidez na execución do orzamento, apostando por proxectos maduros “que impidan ter os cartos parados”.