
Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este martes o contido do Orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2026, que medra nun 13,6 % cunha suba de 29 millóns de euros con respecto ás contas do presente exercicio ata situarse nos 238,6 millóns de euros, 243M€ na versión consolidada. Uns recursos que servirán para seguir sendo unha referencia na atención aos concellos e colectivos da provincia, así como para reforzar con máis fondos e iniciativas a provincia do deporte e outras áreas estratéxicas como turismo, infraestruturas, cultura ou benestar social.
“Xa non é frecuente en moitas Administracións aprobar as súas contas anuais. Aquí, en cambio, si. A estabilidade política permitirá que a 1 de xaneiro entren en vigor uns novos orzamentos, que activarán novas medidas, mellorarán as existentes e corrixirán eivas que viñemos detectando ao longo do ano”, subliñou López nun acto celebrado no vestíbulo do Pazo provincial, diante dos membros do seu goberno, xefes de servizo e traballadores da Deputación.
“Por terceiro ano consecutivo, imos destinar 1 de cada 3 euros a apoiar aos concellos”, afirmou o dirixente para introducir o primeiro dos piares que sustentan o orzamento. As partidas das áreas de Cooperación e Asistencia Intermunicipal acadan a cifra de 80M€, na que se inclúe unha nova convocatoria do +Provincia que no vindeiro ano 2026 incrementa os fondos a repartir entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes ata os 50M€ e abre a posibilidade aos gobernos locais a solicitar o adianto dos recursos que lle corresponden para a anualidade do 2027. Unha ferramenta que se suma ás convocatorias xa aprobadas do segundo Plan Extra (35M€) e o terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (8M€). “59 dos 61 concellos da provincia disporán no vindeiro ano dunha inxección sen precedentes de 128 M€ que poderán xestionar con total autonomía local para executar obras, crear emprego e pagar facturas. Cando nos necesitan, estamos”, remarca o presidente provincial.
As dúas grandes cidades da provincia, Vigo e Pontevedra, tamén contan co apoio da Deputación. O vindeiro ano disporán novamente de 7,5M€ para financiar convenios de obras. No caso da cidade do Lérez, aos 2,5M€ reservados para os convenios, súmanse os 210.000 euros consignados para preparar a Bienal do 2027, os 8M€ de orzamento do Museo, a reserva de 7M€ dos remanentes para o proxecto de Santa Clara, 35.000€ para a redacción do proxecto do novo centro loxístico do Museo, 100.000€ para a final das series mundiais de Tríatlon ou 350.000€ para a organización dos Premios Feroz, así como novos investimentos en Príncipe Felipe e futuras novidades en materia deportiva.
Na cidade olívica, súmanse aos 5M€ reservados para os convenios 1,2M€ para avanzar na recuperación do Cine Fraga, 5,3M€ para seguir financiando a obra de Gol de Balaídos e 100.000€ para a redacción do proxecto da Vía Verde entre Redondela e Pontevedra que permitirá unir ambas urbes. “Malia ter Vigo 100 M€ máis de orzamento que toda a provincia, e malia ter Pontevedra máis orzamento que os 4 concellos seguintes en tamaño, estamos orgullosos de ser, aínda así, un motor de investimento en ambas. Quen queira abrir guerras políticas con esta casa só as poderá basear no cálculo electoral, porque os números reais falan por sí mesmos: investimos como nunca en Vigo e Pontevedra. En 2026, seguiremos. En nós, sempre encontrarán colaboración”, explicou López.
A provincia do deporte
O deporte seguirá a ser un piar fundamental na acción de goberno da Deputación o vindeiro ano. Os fondos reservados para esta área ascenden nun 35 %, ata os 8,6 millóns de euros e inclúe salientables novidades como a redacción do primeiro Plan de Equipamentos Provincia do Deporte (ProDeporte) dotado con 1,8M€ para apoiar a renovación de equipamentos deportivos de asociacións, clubs e colectivos, a suba de 300.000€ ata un millón de euros do programa Depovan para axudar aos clubs a adquirir vehículos, a creación dunha oficina de atracción de grandes eventos deportivos á provincia: a Rías Baixas Sports Comission; o incremento do 31 % no orzamento de O Noso Club e o reforzo das liñas de apoio a clubs e deportistas da provincia. “Somos e queremos seguir sendo a provincia do deporte”, sostén o presidente.
Outra das áreas nas que a provincia é referencia como é o turismo tamén incorpora salientables novidades. “Rías Baixas é o noso gran tesouro provincial, e ímolo seguir coidando en 2026 cun orzamento en Turismo que mellorará un 17%, ata chegar aos 7 M€”, anunciou Luis López, quen informou de novas liñas para axudar aos concellos na promoción turística, máis iniciativas de formación para o sector empresarial e unha suba do 47 % no apoio aos Rías Baixas Fest, que medrarán en número. Un 7 % suben os recursos destinados ao departamento de Cultura, ata os 5,77M€, que servirá para incrementar nun 20 % as axudas para as escolas de música e o Culturea, así como un 50 %, ata os 300.000€, para recentemente estreada liña de compra de vestiario e instrumentos musicais para as agrupacións musicais da provincia. O departamento de Benestar Social verá incrementada a súa partida nun 15 %, ata os 7,6M€, que inclúe a financiación dunha nova e “moi demandada” liña de compra de vehículos para entidades dotada con medio millón de euros e unha suba do 20 % nas axudas directas a estes colectivos. Do mesmo xeito, o orzamento para a Cidade Infantil de Príncipe Felipe sobe tamén nun 20 %.
Máis recursos para as infraestruturas provinciais
A área de Infraestruturas, unha das principais competencias do organismo provincial, conta este ano cun orzamento de 38M€, o que supón unha suba do 56 %, uns 13,7M€, con respecto ao presente exercicio; que servirán para manter en perfecto estado a rede de 1.600 quilómetros de vías provinciais.
Así mesmo, os recursos para o fomento do emprego increméntanse nun terzo para seguir organizando obradoiros formativos e promovendo a inserción laboral non concellos a través do programa +Emprega. Un 20 % aumentará a dotación orzamentaria das liñas de axuda para as asociacións veciñais e comunidades de usuarios de auga e o servizo de xuventude e reto demográfico contará cun 13 % máis de fondos que inclúen iniciativas como a reforma do Centro Vacacional da Lanzada valorada en 200.000 euros. As partidas para a área de Igualdade aumenta nun 6,5 % e a de Medio Ambiente, nun 10 %. Mentres que o servizo de arquitectura contará con fondos para suficientes para executar reformas en diversas instalacións de titularidade provincial.
Débeda cero
O presidente da Deputación reivindicou a boa xestión do seu equipo de goberno. “Nada disto sería posible sen xestión. Se lembran, hai escasas semanas tomamos a decisión de amortizar por completo os 19,5 M€ de débeda do plan REACPON que foi aprobado nesta casa en 2021. Isto tivo dous efectos inmediatos: Primeiro, o aforro de case 2,9 M€ no pago de intereses; segundo, a Deputación pasa a estar tecnicamente en débeda cero”, remarcou López.
A presentación dos Orzamentos Provinciais do ano 2026 supón o primeiro paso para a aprobación e entrada en vigor das contas o vindeiro 1 de xaneiro. Un logro que o presidente Luis López quixo poñer en valor e recoñecer o labor de todo o equipo de goberno e dos traballadores da Deputación. “Foron semanas de moito traballo interno, pero non foron en balde. Grazas a todos os empregados públicos e a todos os deputados por volcar neste documento o seu esforzo e as súas mellores ideas. Había moitas e dou fe que non foi doado escoller. Presentamos uns orzamentos que agora encamiñarán a súa ata que o 1 de xaneiro, coa entrada en vigor destas contas, a provincia renove o seu proxecto de escoitar, entender e atender”, concluíu o presidente Luis López.




