A Deputación de Ourense activa o Plan de Vialidade Invernal

Quere blindar mil quilómetros de vías provinciais con risco de neve e xeo

Ourense | O presidente da Deputación, Luis Menor, realizou unha visita ao parque provincial de maquinaria, no polígono de San Cibrao das Viñas, onde se prepara o operativo do Plan de Vialidade Invernal, que cunha dotación de preto de medio cento de profesionais, unha vintena de vehículos e unha reserva de 1.850 toneladas de sal, distribuídas en nove almacéns, ten por obxecto manter a seguridade nos 1.000 quilómetros de vías provinciais onde hai risco de neve e xeo. Este dispositivo anual combina medios humanos e técnicos, mantendo a coordinación cos concellos e cos servizos de emerxencias para garantir a seguridade viaria e a mobilidade na rede provincial.

Asistiron ao encontro a directora da Área de Infraestruturas, Marta Docampo, e o responsable do parque, José Fírvida, que explicaron os aspectos máis relevantes do plan, que conta con nove centros operativos distribuídos por toda a provincia e con base en Ourense, Verín, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, Parada de Sil, Xinzo, Carballiño e Bande.

Menor definiu o Plan de Vialidade Invernal como “un capítulo máis” do traballo que se desenvolve todo o ano para manter os 1.850 quilómetros da rede de estradas provinciais, “básicas no mapa de comunicacións do territorio ourensán”.

Ademais, puxo en valor que a xestión pública directa, con medios propios, no mantemento e renovación de tal ampla rede viaria “precisa dun gran esforzo que se reflicte nos orzamentos anuais”, anunciando que en 2026 a Deputación continuará aumentando os recursos destinados ás estradas da provincia, cun orzamento de 4,5 millóns de euros e a previsión de facer unha nova achega na modificación de crédito de abril. Así, destacou o “gran esforzo inversor” en materia de vías provinciais, que chegará aos 10 millóns para mellorar a “seguridade e a accesibilidade” da veciñanza.

Catro meses de dispositivo
Durante a visita ao operativo do plan de vialidade invernal, o presidente provincial destacou que un 40% do total da rede viaria de Ourense atravesa zonas que se atopan a máis de 700 metros de altitude, polo que o plan despregará os medios nestes puntos a medida que sexa necesario. A previsión é que o operativo de vialidade invernal se estenda ata abril de 2026, blindando as vías provincias fronte a meteoroloxía adversa durante os catro meses de maior risco.

Ademais do medio cento de medios persoais, o plan inclúe sete camións quitaneves e un tractor invernal con saleiro e coitela como equipamento fixo. Tamén haberá un equipo de medios de reforzo ocasional, entre os que se inclúen niveladoras, retroescavadoras e camións con muíño e saleiro.

A Deputación tamén coopera cos concellos e mancomunidades na vialidade invernal nas redes locais, mediante un convenio de cooperación para o subministro de fundentes e para a aplicación de tratamentos preventivos nas estradas municipais.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.