A Deputación da Coruña financiará a contratación de 238 persoas a través do PEL-PEMES

A través do PEL-PEMES destínanse preto de 3 millóns de euros á concesión das axudas á realización de novas contratacións e ao mantemento das indefinidas realizadas ao abeiro da convocatoria anterior

Deputacion da Coruña | A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución de concesión das axudas á contratación de PEL-PEMES Creación e Ampliación do cadro de persoal e de PEL PEMES Mantemento do cadro de persoal das que se beneficiarán un total de 238 microempresas, pemes e persoas profesionais autónomas con domicilio fiscal en municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

González Formoso destaca que “o obxectivo do PEL é fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia”

A presente corporación, consciente da situación socioeconómica actual, marcada pola pandemia ocasionada pola COVID-19 decidiu suplementar o crédito destinado a estas convocatorias e conceder todas as axudas solicitadas a aquelas empresas que cumprisen os requisitos esixidos nas bases reguladoras. De aí que, finalmente no caso de PEL PEMES Creación e Ampliación o crédito inicial de 2 millóns de euros se vise incrementado para poder conceder axudas a 182 empresas, que supoñen un total de 2.248.264,31 euros; e no caso de PEL PEMES Mantemento o crédito de 500.000 euros se suplementase superando os 516.368,20 euros necesarios para conceder a axuda as 56 empresas solicitantes que cumprían todos os requisitos.

Desde a súa creación, as diferentes liñas do PEL impulsaron a creación de máis de 3.000 empregos directos na provincia da Coruña

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca que “o obxectivo do PEL é fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia”.

PEL PEMES Creación e Ampliación do cadro de persoal
Un total de 182 autónomos, autónomas, microempresas e pemes de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia levarán a cabo novas contratacións de persoal inscrito como demandante de emprego nos Servizos Públicos de Emprego grazas a que as axudas do PEL-PEMES financiarán o 70% dos custes do primeiro ano da contratación, incluíndo os gastos de soldos e salarios e Seguridade Social, impulsando así a actividade empresarial das zonas con menor poboación da provincia e apoiándoas en momentos difíciles na creación de emprego. Ademais, resulta destacable que máis da metade, concretamente o 54,4%, das contratacións serán realizadas con carácter indefinido.

En canto á distribución das axudas por concellos, os que teñen un maior número de solicitudes concedidas son os seguintes: Santa Comba (12 por importe total de 151.200,00 €), Mazaricos (10 por importe total de 127.739,50 €), Bergondo (8 por importe total de 103.568,52 €), Cee (8 por importe de 87.080,00 €) e Vimianzo (8 por importe de 97.158,59 €). Por comarcas destacan a do Xallas, con 22 solicitudes concedidas e un total de 278.939,50 €, a de Fisterra con 20 solicitudes concedidas e un montante de axudas por importe de 231.980,00 € e a de Terra de Soneira con 17 solicitudes concedidas e unha contía de subvencións de 197.957,59 €.

Atendendo á tipoloxía de negocio, a meirande parte das entidades beneficiarias son microempresas (empresas con 10 ou menos traballadores/as), representando máis da metade do total, mentres que os autónomos e autónomas supoñen arredor do 40%. A parte restante, é dicir, menos do 10% corresponde a pequenas e medianas empresas.
As empresas deberán dedicar a subvención a contratacións de duración igual ou superior a un ano. As persoas a contratar deberán estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, ademais de atoparse en situación de desemprego no momento da contratación e inscritas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego.

PEL PEMES Mantemento do cadro de persoal
Por outra banda, as axudas do PEL PEMES Mantemento incentivan o emprego estable e de calidade, subvencionando o segundo ano de contrato das persoas traballadoras contratadas ao abeiro da convocatoria de PEL PEMES Creación e Ampliación 2019 na modalidade de contrato indefinido.

Grazas a concesión destas axudas un total de 56 profesionais autónomos e autónomas, microempresas e pemes de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán unha subvención do 50% dos custes laborais, incluíndo os custes de soldos e salarios e seguridade social, das persoas traballadoras contratadas con carácter indefinido en 2019.

Atendendo á distribución das axudas concedidas por concellos destacan Curtis, con 6 axudas por importe de 56.000,00 €; Boiro, con 4 axudas por importe de 36.499,00 €; Mazaricos, con 3 axudas por importe de 28.000,00 € e Santa Comba, con 3 axudas por importe de 29.000,00 €. Por comarcas, as que contan cun maior número de solicitudes concedidas e, por ende, reciben un maior montante de axudas son as seguintes: Betanzos, con 7 solicitudes concedidas e 65.000€ de axudas; Ordes, tamén con 7 solicitudes concedidas e un importe en axudas de 60.820,54 €; Xallas, con 6 que supoñen 57.000,00 € en subvencións e Fisterra, tamén con 6 axudas concedidas e unha contía de 49.316,98 €.

En canto a tipoloxía do negocio das entidades beneficiarias, a meirande parte son microempresas, supoñendo un 55% do total, seguidas de profesionais autónomos/as, cun 39% do total. A porcentaxe restante, é dicir, o 6% corresponde a pequenas e medianas empresas.

Coa concesión destas axudas o PEL continúa a súa senda de xeración de emprego estable de calidade na provincia, impulsando a creación de novos postos de traballo que xa son máis de 3.000 desde a súa posta en marcha no ano 2016.

A listaxe completa das empresas que se beneficiarán este ano das axudas de PEL PEMES Creación e Ampliación do cadro de persoal e PEL PEMES Mantemento do cadro de persoal pode consultarse nesta ou nesta ligazón.