A Deputación da Coruña apoia con 800.000€ ás confrarías de pescadores e mariscadores

O ente provincial concede un total de 45 axudas para servizos, obras e festas gastronómicas

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña destina este ano preto de 800.000 euros para apoiar o traballo das confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia, dentro da súa aposta polo impulso ao sector pesqueiro artesanal, clave para a economía do litoral galego.

Por unha banda, a liña de subvencións destinada a actividades de funcionamento e promoción de produtos do mar reparte 647.200,60 euros en 36 axudas. Estas subvencións permiten, entre outras actuacións, financiar persoal administrativo e de vixilancia, mellorar a comercialización dos produtos do mar, manter postos de traballo, e promover o relevo xeracional nas confrarías. Ademais, inclúen tamén o apoio a festas gastronómicas de exaltación dos produtos locais, como a Festa do Percebe do Roncudo de Corme, a Festa da Centola de Lorbé, a Festa do Marisco de Barallobre (Fene), ou as xornadas de degustación da navalla e longueirón en Laxe e os produtos da Reserva Mariña de Lira – Os Miñarzos en Lira, Carnota.

A segunda liña orientada a investimentos, achega este ano 149.995,40 euros a nove confrarías (Carreira e Aguiño, Cedeira, A Coruña, Laxe, Malpica, Lira, Noia, Ribeira e Barallobre) para melloras nás infraestruturas e equipamentos. Entre as actuacións financiadas atópanse obras de rehabilitación e acondicionamento de locais, adquisición de vehículos para vixiancia e transporte, instalación de equipos informáticos ou medidas para a eficiencia enerxética e a transformación dixital dos pósitos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estas axudas “son fundamentais para garantir a viabilidade, a modernización e a profesionalización dun sector estratéxico para Galicia, que ademais de riqueza económica xera cohesión social, emprego local e mantén viva a nosa cultura mariñeira”. “As confrarías xogan un papel fundamental nos munipios costeiros e merecen o apoio decidido das administracións públicas. Desde a Deputación da Coruña queremos estar ao seu carón, colaborando para que o mar siga sendo futuro”, engadiu Formoso.

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña incrementou progresivamente as axudas ás confrarías de pescadores da provincia, que pasron de 500.000 a preto de 800.000 euros anuais e incluiron novas liñas demandadas polo sector como o apoio ás festas gastronómicas de produtos locais do mar. Estas convocatorias insírense dentro das políticas da Deputación de apoio ao tecido produtivo local, con especial atención ás pequenas confrarías e ás actividades que revalorizan os produtos pesqueiros e marisqueiros da provincia.

Listaxe completa de axudas concedidas para actividades: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/06/11/2025_0000003839.html

Listaxe completa de axudas concedidas para investimentos: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/07/07/2025_0000004425.html

O talento artístico en Encontros de Mariñán
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na VI edición dos Encontros de Mariñán, unha iniciativa organizada en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes que se desenvolve ao longo desta semana no Pazo de Mariñán e que reúne a máis de corenta estudantes procedentes dos principais centros de ensinanza artística de toda Galicia.

Durante a súa intervención, Formoso destacou que esta iniciativa “está consolidada como un dos espazos máis fértiles para a creación e o diálogo entre as novas xeracións de artistas galegos” e reafirmou o compromiso da Deputación co apoio ao talento emerxente e á formación artística. Subliñou que o Pazo de Mariñán se transforma estes días “nun espazo de inspiración, traballo e aprendizaxe compartida”.

A edición de 2025 está dedicada a dous grandes referentes da cultura galega: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Isaac Díaz Pardo. Neste contexto, o presidente puxo en valor a conexión histórica entre Díaz Pardo e a Deputación da Coruña, lembrando que “foi bolseiro provincial e puido mellorar a súa formación artística na Escola Superior de Belas Artes en Madrid grazas a unha beca da Deputación, o que representa un gran orgullo para esta institución”.
Neste sentido, o presidente subliñou que a Deputación “continúa hoxe a súa labor de mecenazgo e apoio continuo aos artistas” con bolsas que nos últimos anos se incrementaron en número de cuantía, e que permitiron a centos de creadores da nosa provincia completar a súa formación en centros especializados de artes de distintos puntos de España, Estados Unidos, Reino Unido ou Francia.

Valentín González Formoso agradeceu tamén a participación nas xornadas de figuras recoñecidas da cultura galega como Felipe Senén, Miguel Anxo Seixas, Xosé Díaz —fillo de Díaz Pardo—, Din Matamoro e Mónica Alonso, que achegan o seu coñecemento e a súa traxectoria para enriquecer a experiencia formativa do alumnado. Formoso concluíu salientando que “desde o goberno provincial temos claro que unha cultura viva precisa de espazos coma este, nos que se fomente a excelencia, pero tamén a cooperación entre disciplinas e a capacidade crítica”, e reivindicou os Encontros de Mariñán como exemplo do que se pode conseguir “cando institucións, centros educativos e comunidade artística traballan da man cun mesmo obxectivo: facer da cultura un eixo vertebrador do futuro do noso país”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.