• Segue conectado
  • |

A Deputación da Coruña adianta aos concellos 38,4 millóns de euros da recadación prevista ata maio

 González Formoso afirma que o adianto, sen xuros, “pretende axudar a mellorar a liquidez dos municipios para facer fronte aos gastos imprevistos pola crise do coronavirus”

A Coruña | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a orde de transferir aos concellos da provincia que teñen delegada a xestión e recadación tributaria na institución provincial un total de 38.417.077,71 euros como anticipo a conta da recadación de impostos estimada durante os meses de marzo, abril e maio.

A Deputación vén de anunciar o aprazamento do cobro de varios impostos

Esta importante cantidade adiántase aos municipios sen xuros e súmase á transferencia ordinaria aprobada o pasado mes de febreiro por importe doutros 12,8 millóns, polo que a cantidade total ascende a máis de 51,2 millóns de euros nun prazo de apenas un mes.

“Con este adianto da recadación dos vindeiros tres meses, o Goberno provincial quere axudar a mellorar a situación económica e a liquidez dos concellos coruñeses para facer fronte ás súas necesidades esenciais e
urxentes durante a crise do coronavirus, permitíndolles afrontar gastos imprevistos e manter os pagos e empresas e provedores”, explicou o González Formoso, que anunciou que os servizos tributarios estudan a viabilidade dun
novo adianto se a situación actual se prolonga no tempo.

Aínda que a Deputación da Coruña aprazou temporalmente o inicio da primeira campaña de impostos do ano, que inclúe entre outros imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM), os concellos coruñeses disporán de liquidez suficiente ao contar nunha soa transferencia cos ingresos que lles corresponderían no vindeiro trimestre.

Os concellos que delegan a recadación na Deputación percibirán as cantidades correspodentes ao IBI (urbano e rústico), IVTM (vehículos), IAE (Imposto de Actividade Económicas) e taxa de recollida de lixo ata o final de maio.

A cantidade global máis destacada por conceptos corresponde ao IBI urbano, con 22.431.216,06 euros, seguida polo IVTM con 5.812.479,78 euros e recollida de lixo (4.384.647,96). Os concellos recibirán máis de 2 millóns de euros en concepto de adianto do IAE, 2,2 millóns de IBI de características especiais e 1,5 millóns de IBI rústico.

Reunión de Goberno telemática
Por outra banda, a Deputación da Coruña celebrou esta mañá unha reunión do Goberno provincial, aínda que neste caso celebrouse mediante unha videoconferencia múltiple na que, ademáis do presidente e o vicepresidente,
participaron todas as deputadas e deputados que forman parte do Goberno provincial.

Os deputados deron conta dos avances nas medidas aplicadas nas diferentes áreas da Deputación con motivo do Covid19, como o aprazamento tributario, a limpeza de desinfección de instalacións provinciais especialmente sensibles, a cesión de instalacións (como as do Calvo Sotelo, usadas polos bombeiros da Coruña, ou a área para camioneiros creada en Sabón), ou a ampliación do servizo de Telasistencia para que poda chegar a todas as persoas maiores que o precisen.

Na reunión abordouse o escenario actual e as perspectivas da repercusión social e económica que terá esta crise sanitaria no futuro inmediato e que requerirán do apoio coordinado de todas as administracións.

Publicado o 27 Mar 2020 en Deputación da Coruña, Economía, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies