A decisión de Yolanda.

O clima político a nivel estatal xa comeza a “quentar motores” de cara ao horizonte electoral 2023. Son cada vez máis prolíficas as enquisas preliminares publicadas con saciedade nos medios e que van pulsando a atmósfera política. Toda vez, neste mesmo horizonte electoral comezan a definirse algúns rostros con perfil de candidaturas.

Este contexto coincidiu en setembro e outubro cos diversos congresos e convencións dos principais partidos con representación parlamentaria, neste caso o PSOE, PP, VOX e PODEMOS. Na beira socialista, o “abrazo” entre Zapatero e Felipe González entroniza ao presidente de goberno Pedro Sánchez como o indiscutible líder. Para os “populares”, o pulso entre o seu líder Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso semella parcialmente superado a favor do primeiro, aínda que no ambiente planea con incerteza cal será a estratexia de Ayuso. En VOX non hai cor: manda Santiago Abascal. En PODEMOS impera a incerteza.

Pero unha figura asoma con forza no panorama político español: a ministra de Traballo e segunda vicepresidenta Yolanda Díaz. E isto ten incidencia dentro do goberno de coalición PSOE-PODEMOS. Os medios especulan diariamente coa “guerra interna” na Moncloa que enfrontaría ás dúas “galegas” con máis poder en Madrid, sendo estas Yolanda Díaz e a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, a socialista Nadia Calviño.

“Unha figura asoma con forza no panorama político español: a ministra de Traballo e segunda vicepresidenta Yolanda Díaz”

Non obstante, o crecente protagonismo político e mediático de Yolanda Díaz da a entender que manexa unha axenda política propia. Entre setembro e outubro, o diario alemán Der Freitag adicou sendos análises á actualidade política española. E fíxoo en clave feminina, concentrándose en enfocar en dúas figuras: Yolanda Díaz e Isabel Díaz Ayuso.

Dúas personalidades diamentralmente opostas nas súas orientacións políticas: mentres Díaz, comunista declarada que loubaba ao “comunismo” a través dun prefacio nunha nova edición española do Manifesto Comunista, Díaz Ayuso facía precisamente da “loita contra o comunismo” unha especie de leitmotiv político en ámbolos dous lados do Atlántico, tomando en conta a súa recente (e gris) xira por EEUU onde non dubidou en cualificar ao indixenismo como o “novo comunismo”.

Por tanto, en Alemaña especulan cunha audaz viraxe na política española en clave feminina de cara ao horizonte electoral 2023, con Díaz no centro de atención á espera das estratexias de Ayuso. O diario Der Freitag felicitaba a Díaz polo seu traballo “sereno e construtivo”, toda vez advertía do aumento da dereita nas preferencias electorais en España e dos “coqueteos de Ayuso co fascismo”.

En perspectiva electoral, Yolanda Díaz sube enteiros e podería gañar mais posibilidades políticas en clave electoral se finalmente vai adiante a súa aposta pola derrogación da actual reforma laboral. A “estrela” de Díaz brilla na medida en que mantén unha enérxica posición cara a patronal co respecto ao aumento do salario mínimo, e de cara ás multinacionais enerxéticas polo prezo da luz. Sen a estela de Pablo Iglesias, Yolanda Díaz afírmase agora como a figura política central dunha nova esquerda en ascenso.

“Teremos ‘candidata Díaz’ para 2023, se non hai adianto electoral? Os pasos da ministra de Traballo e as cábalas preelectorais definirían esa posibilidade”

Teremos “candidata Díaz” para 2023, se non hai adianto electoral? Os pasos da ministra de Traballo e as cábalas preelectorais definirían esa posibilidade. Logrará Díaz reconstruír á esquerda española, independente da “marca PODEMOS”? Existen algunhas sinais sobre ese eventual obxectivo. Por outra banda, saltará Díaz Ayuso tamén a este ruedo electoral? Aparentemente non, pero tampouco é descartable.

En todo caso, poderíamos estar asistindo a un horizonte electoral 2023 cun cariz cada vez máis feminino. En Alemaña, cando menos, así o teñen visto.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.