A cultura galega rende homenaxe a Xosé Luís Franco Grande

Este 23 de outubro en Vigo organizado pola RAG, Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e o Concello

A Coruña | A Real Academia Galega, a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol renderanlle homenaxe este xoves, 23 de outubro, a Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936 – Vigo 2020) en Vigo. As tres entidades coas que mantivo un estreito vínculo coorganizan o acto público que acollerá a Casa Galega da Cultura (19 horas). O programa, organizado coa colaboración do Concello de Vigo, inclúe a presentación de Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017), volume que reúne os catro poemarios que o académico de número publicou en vida.

A celebración contará coas intervencións do presidente da RAG, Henrique Monteagudo; Manuel Puga, presidente do padroado da Fundación Penzol; Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración da Editorial Galaxia; Teresa Seara, editora da antoloxía; e Navia e Rosalía Franco, fillas do homenaxeado.

Xosé Luís Franco Grande foi autor, aínda na ditadura, de obras de referencia na divulgación do léxico galego para varias xeracións como o Diccionario galego-castelán (1968) e o Vocabulario galego-castelán (1972), ambas as dúas publicadas por Galaxia, editorial na que chegou a ser secretario do consello de administración. Pero malia se dedicar profesionalmente ao dereito, sacou tempo tamén para cultivar a literatura.

“Ter aínda o valor de escribir, entre nós e en certas circunstancias, é un acto heroico. Pero que cómpre, se un quere estar vivo. Isto é así de claro. Eu só me acuso de non telo visto antes de agora con tanta claridade”, expresaba no limiar de Herdo de memoria e tempo (1987), unha primeira antoloxía que recolleu no seu momento as cento catorce composicións que escribiu desde finais dos anos 50 e ata 1986 e incluídos nos poemarios Entre o si e o non (1967), recoñecido co Premio Nacional de Poesía Rosalía de Castro, e O tempo á espreita. “Moito tempo e poucos poemas”, lamentaba, mais abondo para conformar un universo que fixo de Franco Grande un creador con voz lírica propia que seguiu a espir o seu eu máis íntimo en Xoguetes do tempo (2015) e Libro das abandonadas (2017).

Os comezos literarios do autor remóntanse aos seus anos de estudante universitario, cando foi recoñecido en distintas ocasións nas Festas Minervais e mesmo mereceu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires polos seus versos. Pero o seu primeiro libro sería a peza teatral Vieiro choído, que inaugurou en 1957 a colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

Como crítico e ensaísta, publicou títulos como Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (1985), ampliado en 2004; A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991), un tributo a trinta e oito amigos que medrou tamén en 2019 con A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos; Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); e Outra política para outros tempos (2013); e fíxose cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970) e da novela de Camilo Gonsar Cara a Times Square (1989). Cando o futuro comezaba. Correspondencia 1955-1990 (2009) recompila a súa correspondencia con Ramón Piñeiro.

O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade. Neste traballo, Xosé Luís Franco Grande reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A encargada de darlle a benvida en nome da Real Academia Galega foi a académica Luz Pozo Garza, con quen colaborara dende os anos 70 na revista de poesía Nordés.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.