A Coruña presentou en París as actividades de ‘Celebración Picasso 1973-2023’

Da man da alcaldesa Inés Rey, unindo así ás cidades "picassianas": A Coruña, Málaga e Barcelona

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes en París as actividades centrais da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, que conmemora os cincuenta anos do falecemento do artista, que pasou parte da súa infancia na cidade herculina.

A rexedora foi invitada a este evento polo Instituto de Turismo de España, Turespaña, e representou os alcaldes das tres cidades picassianas: A Coruña, Málaga e Barcelona. O acto deu a coñecer as principais actividades previstas para o ano 2023 en diferentes lugares de España.

Inés Rey, ante unhas 150 persoas invitadas, fixo un repaso da traxectoria do artista e da influencia que estas tres cidades tiveron na súa maneira de entender a arte, centrándose no Picasso coruñés. “Na nosa cidade explotou a súa fascinación por paisaxes marítimas e pola Torre de Hércules, que bautizaría xunto co seu pai como ‘torre de caramelo’.

A Coruña inspirouno para realizar retratos da vida cotiá da nosa cidade, de personaxes anónimos que espertarían no mozo Picasso os primeiros sentimentos, mesmo de amor”, sinalou a alcaldesa.

A Coruña, Málaga e Barcelona concentrarán a maior parte das actividades previstas no ano 2023. “De sur a norte, as tres cidades debuxan o interior dunha persoa que logo plasmaría en lenzos e que remataría converténdose nun referente e o artista máis influente do século XX”, sinalou Inés Rey.

Avance da programación na Coruña
A alcaldesa tamén quixo facer referencia á programación prevista polo Concello para esta ‘Celebración Picasso 1973-2023’. “Quixemos deseñar actividades que poñan de relevo non só ao Picasso coruñés, senón tamén á arte a idade temperá en homenaxe ao Picasso máis precoz”, dixo Rey. A rexedora apuntou que o groso dos actos serán presentados coincidindo co 20 aniversario da Casa Museo Picasso, fundada o 18 de decembro de 2002.

O eixe central das actividades situarase neste espazo, que albergará non só actividades divulgativas para todos os públicos, senón que unha das súas plantas será reformada para a ocasión e pasará a ser un centro de investigación e actividades.

Está prevista o desenvolvemento dun congreso internacional sobre arte e educación, un ciclo de conferencias sobre o universo Picasso, exposicións sobre o artista malagueño na Coruña, exposicións de artistas contemporáneos que reflexionen sobre este pintor, accións específicas de turismo picassiano, programas didácticos para divulgar o universo deste autor universal na Coruña a través mesmo doutras artes. Tamén se poñerá o foco nos artistas contemporáneos da cidade co fin de facer visible o talento actual e tinguir de arte A Coruña durante todo o ano.