A Coruña creará empresa pública de enerxía

Goberno municipal e Marea Atlántica deron os primeiros pasos
Mar García, de Marea Atlántica (esquerda) durante a súa xuntanza coa alcaldesa Inés Rey.

A Coruña | A alcaldesa Inés Rey e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, deron a coñecer hoxe, tras unha xuntanza entre ámbalas dúas, o acordo para avanzar na creación dun operador enerxético municipal, unha empresa pública de enerxía, que aposte pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático e a pobreza enerxética.

Esta reunión forma parte da etapa de diálogo e entendemento aberta entre o Goberno local e Marea Atlántica que, entre outros asuntos, propiciou a posta en marcha do proceso de orzamentos participativos, a elaboración do borrador da lei de área metropolitana, a modificación de ordenanzas fiscais e a ordenanza de rehabilitación, así como o carácter gratuíto das escolas infantís municipais. A Xunta de Goberno Local extraordinaria de hoxe aprobará a posta en marcha xa de medidas concretas en materia de política enerxética.

En palabras da alcaldesa, “hoxe podemos anunciar a posta en marcha de accións que fomentan a transición enerxética e a loita contra o cambio climático, así como o impulso político-administrativo para a constitución dun operador ou empresa municipal de enerxía, que era un dos acordos de investidura entre o PSdeG-PSOE e Marea Atlántica”.

A voceira da Marea, María García, destacou que fortalecer a soberanía pública no sector eléctrico é “unha necesidade que xa identificaramos en 2019, pero que hoxe é máis urxente aínda: mentres os prezos da luz marcan cifras históricas e se volven inasumibles para fogares e empresas, algo que só beneficia ás grandes eléctricas. Por iso iniciamos o camiño para ter unha empresa municipal de enerxía, unha política pública, social e de loita contra o cambio climático”.

“Segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida do INE, un 11% dos fogares do Estado padecen pobreza enerxética. Falamos de máis de dous millóns de unidades familiares que non son capaces de manter as súas casas quentes no inverno, mentres Endesa, a principal comercializadora de enerxía, triplicou os seus beneficios nun ano. O prezo do kilovatio/hora non deixa de medrar, en todo o mes de novembro mantívose entre os 25 e os 33 céntimos, tamén o triplo que hai un ano. Unha suba que vai ao peto das grandes empresas, amosando as consecuencias de especular cun ben de primeira necesidade”, apuntou García.

“Segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida do INE, un 11% dos fogares do Estado padecen pobreza enerxética. Falamos de máis de dous millóns de unidades familiares que non son capaces de manter as súas casas quentes no inverno”

O goberno e a Marea acordaron tamén a elaboración dun Mapa das Enerxías Renovables que analice as potencialidades de xeración de enerxía renovable no Concello da Coruña e a apertura dunha Oficina da Enerxía que preste asesoramento en cuestión de tarifas, aforro, eficiencia e protección de persoas en situación de vulnerabilidade. EMALCSA será a encargada da execución das prestacións necesarias para a efectividade destas iniciativas no prazo dun mes.

En relación ao contrato de renovación da iluminación pública aprobado na última xunta de goberno, acordouse incorporar o requerimento de que o subministro de electricidade sexa 100% renovable. Respecto á creación dun operador enerxético municipal, acórdase impulsar unha iniciativa económica municipal enmarcada no contexto da transición enerxética e o cambio climático como requisito previo para a súa posta en marcha.

Deste xeito designarase unha Comisión de Estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico, que terá por obxecto redactar unha Memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica do operador enerxético. A designación do persoal técnico e concelleiros integrantes desta comisión de estudo efectuarase, pola Xunta de Goberno Local, no prazo máximo de dous meses.

Aprobación dun modificativo de 1,5 millóns de euros para axudas á rehabilitación O goberno e a Marea acordaron tamén a aprobación dun modificativo que suporá un suplemento de crédito por un valor total 1,5 millóns de euros, unha cantidade que permitirá ao Concello pór en marcha medidas como as axudas á rehabilitación na Cidade Vella e Pescaría e tamén nas coñecidas como Casas de Franco e Vivendas de María Pita.

Os fondos do modificativo permitirán financiar proxectos do Eidus como o plan de humanización e naturalización do paseo marítimo, a creación e posta en marcha de hortos urbanos, o establecemento dun sistema de información de calidade ambiental, a remodelación da funcionalidade dos mercados, a reforma do centro cívico do Birloque e a creación da aula TIC.