A Coruña avanza na creación da Axencia de Intelixencia Artificial

Xuntanza entre a alcaldesa Inés Rey e a vicepresidenta primeira Nadia Calviño

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu este venres á vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño. A alcaldesa amosou á vicepresidenta o edificio da Terraza, futura sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, nunha cita nos xardíns de Méndez Nuñez á que acudiron tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Rey presidiu en María Pita a recepción institucional a Nadia Calviño, onde a vicepresidenta asinou o libro de ouro do Concello. Ambas as dúas mantiveron unha reunión de traballo na que se  deron os primeiros pasos para a sinatura dun convenio entre o Concello e o Goberno de España para a posta en funcionamento da Aesia. “A cidade estará á altura da responsabilidade que supón ser o primeiro país da Unión Europea que conte cunha Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial”, sinalou a alcaldesa.

“Esta decisión responde ao potente ecosistema empresarial, económico, tecnolóxico e universitario que hai na Coruña e en Galicia”, indicou pola súa banda Nadia Calviño sobre a elección da Coruña como sede do novo organismo.

Ademais, a alcaldesa explicou á vicepresidenta os diferentes proxectos postos en marcha polo Concello financiados con fondos europeos Next Generation. Hai nove actuacións en execución, incluíndo algunhas que están a piques de rematar, como é o caso da reurbanización da rúa Compostela ou a peonalización de Alcalde Marchesi. En total, o Goberno municipal recibiu case 13 millóns de euros para levar a cabo actuacións no conxunto da cidade.

O Concello presentou outros 17 proxectos na segunda convocatoria dos fondos Next Generation, que suman case 11 millóns de euros de investimento. Por outra banda, tamén lle foron concedidos ao Concello 5,9 millóns de euros do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación nos barrios, que permitirá a rehabilitación de vivendas na Cidade Vella, no grupo de vivendas María Pita, nas Casas de Franco e no Barrio das Flores.

“O conxunto destas axudas permitirannos levar a cabo actuacións destinadas a gañar espazo para a cidadanía, apostar pola mobilidade sostible e reducir as emisións, entre outras cuestións”, apuntou Inés Rey.

Reunión con axentes económicos e sociais
Inés Rey e Nadia Calviño mantiveron unha reunión con representantes empresariais e axentes económicos e sociais da cidade, na que se detallaron o conxunto das axudas estatais e europeas que repercutiron directa e indirectamente sobre a cidade e o seu ecosistema empresarial e económico.

A vicepresidenta presentou as distintas convocatorias do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ás que se pode acceder e analizou os principais indicadores económicos e o efecto positivo da acción do Goberno de España sobre eles.

“Puxemos en común o modelo da cidade que estamos a desenvolver, baseado na transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión territorial e social e, por suposto, a igualdade de xénero”, dixo Inés Rey. A rexedora puxo en valor os investimentos aprobados para polo Goberno de Pedro Sánchez e agradeceu á vicepresidenta e ministra a súa visita e o interese amosado polos asuntos máis relevantes para A Coruña.

Inés Rey e Nadia Calviño estiveron acompañadas na reunión por José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; María Rivas, subdelegada do Goberno en Galicia; Andrés Valverde, director adxunto do Gabinete da vicepresidenta; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, José Manuel Lage, voceiro municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e Gonzalo Castro, coordinador xeral municipal.

Os asistentes ao encontro foron: Carmen López Olmedo, Antonio Fontenla (presidente da Confederación de Empresarios da Coruña), Antonio Rodríguez del Corral (presidente do Clúster TIC Galicia), Jorge Algora (presidente do Clúster Audiovisual Galego), Roberto Tojeiro Rodríguez (presidente de Gadisa), Joaquín González (director xeral de Vegalsa-Eroski), Fernando Hernández Rivera (vicepresidente de Hijos de Rivera), José María Álvarez Gallego (director de Desenvolvemento Corporativo de Inditex), Ángeles Ríos (vicepresidenta primeira de Nordés Club Empresarial), Antonio Viejo (Hijos de Rivera), Alfonso Martínez (director da Cidade das TIC), Alberto Enríquez Andaluz (director xeral de administración de Showa Denko Carbon), Óscar López Blanco (director xeral de Applus Norcontrol), María Sande Rodríguez (xefa de comunicación de Coca-Cola European Partners), Eva Brea (Asociación de Empresarios de Agrela-Bens), José Manuel Valiño Blanco (director xeral de IT, Información, Procesos de Abanca), Rosa Seoane Domínguez (comunicacións e Internet “Smart things” de Abanca), Josefina Fernández Álvarez (directora de operacións de ALTIA), Ángel Iglesias Fernández (secretario xeral de UXT-A Coruña) e Demetrio Vázquez Martínez (representante de Unión Comarcal de CCOO).