A Coral Polifónica, premio “Arbense Distinguido 2026

Celebra 30 anos de traxectoria

Arbo | No ano 1996, a nosa vila viu nacer un soño. O que comezou como un proxecto humilde axiña transcendeu as partituras para converterse no icono vivo dun pobo. Hoxe, celebrar os 30 anos da Coral Polifónica de Arbo non é só conmemorar o paso do tempo; é celebrar tres décadas de paixón, de entrega incondicional á nosa cultura e, sobre todo, de amor profundo polas nosas raíces.

A Coral fundouse coa nobre misión de espallar o canto polifónico na súa esencia máis pura, pero no camiño logrou algo moito máis grande: converterse nun referente de identidade e no orgullo de todos os arbenses. Cada ensaio compartido e cada viaxe realizada son hoxe testemuñas dunha entrega xenerosa. Queremos mirar aos ollos de tantos veciños e veciñas de Arbo que pasaron por estas filas; homes e mulleres que viviron momentos inesquecibles de irmandade e que traballaron arreo, moitas veces desde un silencio humilde e anónimo, para que esta agrupación siga hoxe en pé, con máis forza ca nunca.

Esta Coral é o froito dun esforzo colectivo admirable. É a suma de corazóns que mantiveron viva a chama da música en Arbo, protexendo o noso legado como quen coida un tesouro familiar. Hoxe o noso recordo e gratitude van para persoas tan queridas como Ángeles e Sindo de Cequeliños, Fita da Chan, Inesita, Raquel, Jose Antonio, Norita, Chus e moitos outros cuxa dedicación forma xa parte inseparable da nosa historia.

Baixo a dirección maxistral de D. Víctor Fernández Nogueiras, que desde aquel 1996 puxo a súa sabedoría e o seu prestixio ao servizo deste grupo, a Coral soubo elevar a súa calidade artística ata o máis alto. Desde aquelas primeiras misas e concertos na nosa comarca, ata levar a alma de Arbo por todos os recunchos de Galicia, España e incluso Portugal, a formación foi sempre unha embaixadora exemplar, recibindo en cada escenario o agarimo e a admiración que merece quen canta coa verdade por diante. Estes encontros foron moito máis que música: foron apertas entre pobos, demostrando que as nosas voces son unha lingua universal capaz de unir culturas e sentimentos, borrando calquera fronteira.

A Coral leva o nome de Arbo gravado no peito. A súa música emociónanos e cautívanos porque nela recoñecémonos. Este aniversario é unha homenaxe á constancia e á ilusión dun grupo humano que atopou no canto o vínculo de unión máis forte: a expresión viva da alma do seu pobo. Grazas por ser refuxio de cohesión social, por encher de arte o Centro Multiusos e por ser o motor do noso Certame Galego de Corais.

PRIMEIRO: Recoñecer á CORAL POLIFÓNICA DE ARBO por estes 30 anos de historia, harmonía e emoción e ATRIBUÍR a distinción de “Arbenses Distinguidos 2026” por ser símbolo de unión e orgullo de Arbo.

SEGUNDO: Proceder á entrega dun obsequio representativo deste Concello en acto público, como de gratitude inmensa de todos os veciños e veciñas de Arbo cara a quen nos fai soar tan alto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.