No seu momento, eu aceptei este marco legal; pero como punto de partida, susceptíbel de ser mellorado; non como eterno punto de chegada para quen o incumpre deliberadamente, aínda chamándose “constitucionalista”. Como galego levo unha mochila de agravios e de opresión centralista e vexo con amargura como Galiza é agredida, oprimida, silenciada e espoliada. Acepto como referencia legal o marco lexislativo que temos hogano; porén non o defendo pois nin é xusto nin bo para Galiza.
Por que non se completa o Estatuto de Autonomía e se traspasan as competencias pendentes? Porque a Constitución segue a ser un eterno punto de chegada. Isto podería ter unha xustificación digamos até os anos 80. Porén pasaron cincuenta anos desde a morte do Ditador e a Constitución segue a ser un eterno punto de chegada. E canto máis se cuestiona, máis aumenta o fascismo, sempre vivo e alimentado en España. Vin a cara boa e a cara mala do nacionalismo das nacións sen Estado e do españolismo; porén sigo querendo o mellor para o meu país, Galiza, amigo/as, aliado/as e para a humanidade en xeral. E o mellor nunca vai ser o fascismo, o imperialismo, o militarismo, o negacionismo climático, a desigualdade extrema, a inxustiza, a discriminación, o colonialismo, o desprezo polos dereitos humanos,… E por iso milito no nacionalismo galego, incumprindo unha lei non escrita e abusiva do españolismo.
“Defender Galiza – en principio- é defender a xustiza e as causas xustas da humanidade”
Defender Galiza – en principio- é defender a xustiza e as causas xustas da humanidade. E o que defenden os nosos opoñentes é indefendíbel con argumentos, por iso son perigosos… Donald Trump, finalmente, ten a medalla do Nobel da Paz. Un esperpento. E fronte á forza da razón el opón a razón da forza. Por iso é perigoso… O colonizador silencia, despreza e humilla ao colonizado: o seu idioma, a súa cultura, a súa historia, a súa idiosincrasia,… É a única forma de xustificar a colonización. O que fixo o nazismo en Europa -a súa brutalidade, o seu horror- xa o fixeron os europeos previamente en África, América, Asia e Oceanía e non se lle prestou suficiente atención, porque a vítima era o “outro”, a “outra”: indíxena e, supostamente, “inferior” ou “salvaxe”.





