A Constitución minoriza a nosa lingua.

O réxime xurídico-lingüístico constitucional no Estado español alicérzase na oficialidade do castelán en todo o seu territorio e na minorización das outras línguas, que só poderán ser oficiais en cadanseu ámbito autonómico consonte co seu Estatuto. Para máis, a xurisprudencia constitucional (até de agora; cómpre mudar isto no próximo futuro) impide que por vía estatutaria se poidan equiparar xuridicamente galego, catalán e euskera ao castelán, único do que se pode esixir con carácter xeral a obriga do seu coñecemento.

“Este réxime constitucional é totalmente oposto ao dos Estados plurais e/ou federais”

Este réxime constitucional é totalmente oposto ao dos Estados plurais e/ou federais. Na Finlandia son oficiais en todo o territorio finés e sueco (falado só polo 5% da poboación) e éste é o único idioma oficial nas illas Aland. Na Suíza son oficiais no conxunto da federación o italiano, o alemán e o francês, mentres o romanche (falado por só 60.000 persoas, o 0,8%) é cooficial canda o alemán e o italiano no cantón dos Grisóns e oficial no territorio todo canto as relacións da Administración federal suiza cos falantes desta língua. Os cantóns son libres de elixir a súa lingua oficial e todos escolleron o monolingüismo, agás os bilingües Bern, Fribourg e Valais, canda os trilingües Grisóns.

Na Bélxica son oficiais no conxunto do territorio francés, neerlandés e alemán, éste falado só por uns poucos milleiros de persoas, En Flandres é só oficial o neerlandés e na Valonia só o francês, mentres na área de Bruxelas rexe o bilingüismo oficial francês-neerlandés. Canto ao Canadá o francês é oficial en todo o territorio dende 1867, malia que só sexa oficial na província autónoma de Quebec, onde o inglês non desfruta desa oficialidade.

Velaí este grande desequilibrio, que atenta contra as regras da democracia liberal, porque mentres un utente do castelán pode vivir na súa língua en todo o territorio do Estado os utentes do galego non podemos vivir en galego no noso País, suxeito a un réxime de cooficialidade no que o galego ocupa un lugar secundarizado.

Para onde ir? Que facer? A presente crise de Estado puxo no foco esta desigualdade xurídica do galego, castelán e euskera cara a súa oficialidade no Congreso e na Unión Europea, mais estes positivos (e ainda non acadados) avances non abondan. O galego precisa dunha lei orgánica estatal que garanta o seu uso oficial nas relacións da nosa cidadanía con calquera institución e órgano da Administración Xeral do Estado, da Administración de Xustiza e das Administracións estatais tributaria e de seguridade social.

“A presente crise de Estado puxo no foco esta desigualdade xurídica do galego, castelán e euskera cara a súa oficialidade no Congreso e na Unión Europea”

Unha lei que tamén promova o estudo e coñecemento das linguas oficiais distintas do castelán fóra de cadanseus territorios como ferramenta acaída para superar o actual desleixo e descoñecemento da cidadanía española a respecto da nosa lingua. O galego segue a estar minorizado no noso propio País e a base deste problema está na propia Constitución española.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.