Cadernos da viaxe.
O avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), ven de publicar o seu informe sobre as cuestións prexudiciais relativas á lei de amnistía española a respecto dos feitos supostamente delictuosos desenvolvidos durante o procès. O informe devandito avala a lei de amnistía e rexeita calquera incompatibilidade co Dereito europeo, afirmando que:
1.- A amnistía é unha materia de competencia estatal, non harmonizada no Dereito da Unión Europea (UE).
2.- Non existe a autoamnistía da que falaron algúns operadores xurídicos españois, por se aprobar das resultas dun contexto de reconciliación política e social. Mais cómpre ampliar o perímetro desta afirmación do avogado xeral. Non é tanto un contexto de reconciliación política e social senón o recoñecemento por parte da maioría parlamentaria que o Reino de España atentou na súa praxe xudicial a respecto das condutas desenvolvidas en Cataluña canda o procès e que esta praxe, que moitos alcumamos directamente de warfare ou uso anormal e desaquelado das ferramentas do Estado de Dereito, xustifica unha reparación extraordinaria por parte do Estado, insólita nas democracias europeas e que nunca sería xustificábel se o Estado de Dereito tivese funcionado a xeito na Cataluña entre 2014 e 2024.
3.- A amnistía non afecta aos intereses financeiros da UE xa que non houbo “un vínculo directo de conexión” entre os gastos do referendo do procès e mais os fondos investidos.
4.-A amnistía é aplicábel ás persoas acusadas-ben desaqueladamente- de actos de terrorismo (como os Comités na Defensa da República-CDR-), xa que a Directiva europea contra o terrorismo non contén ningunha disposición que prohiba expresamente o uso de mecanismos de extinción da responsabilidade penal, como a amnistía, sendo esta aplicación competencia de cada Estado Membro da UE, pois que a lei de amnistía exclúe os delitos graves contra a vida e contra a integridade física.
Cómpre salientarmos que este informe é a opinión non vinculante do AXUE, pertencendo a competencia de decidir unha sentenza, que será definitiva, ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), malia que a opinión do AXUE adoite ser determinante, por se aquelar o seu ditame entre o 70 e o 80 por cento ás sentenzas definitivas do TXUE. Malia que cumpra dicir que con algunhas e-mesmo-notábeis excepcións como a da extensión dos efectos da nulidade das cláusulas hipotecarias de chan ao mesmo intre da sinatura contractual.
“A sentenza definitiva do TXUE ha chegar ben axiña, quizais antes de febreiro de 2026”
A sentenza definitiva do TXUE ha chegar ben axiña, quizais antes de febreiro de 2026. De se definir canda o ronsel do AXUE e, tendo en conta, a doutrina favorábel á amnistía da, até de agora única sentenza emitida polo Tribunal Constitucional (TC) todos os atrancos `para a súa plena eficacia e, nomeadamente, para a volta do president Puigdemont resolveríanse de vez. Todas?
Todas menos unha, porque o Tribunal Supremo (TS) resolveu inaplicar a amnistía ao considerar que as persoas que condenou no 2019 pola sentenza do procès non incorreron na conduta da malversación impropia amnistiábel, senón na malversación propia non amnistiábel, do arrequecimento patrimonial (non se empobrecer personalmente ao lle poder imputar as despesas dos actos do procès á Facenda pública) que impediría a aplicación da lei de amnistía.
Fronte esta absurda interpretación só o TC, pola vía do acollemento do/s recurso/s de amparo que se habería/n presentar, poderá furar de vez o derradeiro muro para a plena aplicación da amnistía decidida pola maioría parlamentaria estatal e, xa que logo, para a volta do president Puigdemont.





