A Concellería de Ensino planifica inicio do curso escolar en Ponteareas ante a COVID19

A concellaría de Educación xestionará unha xornada formativa en colaboración co centro de saúde local

PonteareasA concellaría de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, convocou ás direccións de todos os centros educativos,conservatorio e da escola infantil a unha reunión participativa na que abordar o comezo do curso. Os e as responsables dos centros educativos puideron solventar as dúbidas que tiñan sobre aplicación da normativa COVID19, contactos sanitarios para casos de alumnado afectado, maior protección para o profesorado, etc. Coincidindo deste xeito coa Concellaría de Ensino en que sería beneficioso para a organización do curso a redución da ratio nas aulas, o desdobre das mesmas, dispoñer de máis profesorado e máis recursos para aquel alumnado que así o precise logo da situación vivida no último trimestre.

Ofrecerase o servizo de aula matinal e de comedor escolar garantindo as distancias sociais e seguridade sanitaria

“Non podemos entender que a día de hoxe a Xunta de Galicia non teña tomado medidas claras que garantan a seguridade sanitaria nas aulas e promovan o distanciamento interpersoal. Ante esta carencia de decisións e de apoio, dende o Concello acompañaremos aos centros para axudar na medida das nosas posibilidades ao mesmo tempo que esiximos da Xunta financiamento para a implementación das medidas que a administración autonómica non asume, a pesar de ser da súa competencia”, explica Cristina F. Davila.

No Pleno celebrado no pasado mes de xullo, a Corporación Municipal xa aprobou unha iniciativa do BNG defendida pola propia concelleira, na que se reclamaban actuacións inmediatas por parte da Xunta de Galicia na que se garantiran a saúde do alumnado e na que participaron tamén representantes da FANPO (Federación de ANPAS de Centros de Ensino Públicos das Comarcas do Condado-Paradanta e Louriña).

No encontro celebrado no salón de plenos da Casa do Concello estiveron presentes o coordinador de enfermería e a responsable do centro de saúde local, Alfonso Porto e Raquel Plana ademais da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera e do concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

As directivas dos centros; Escola Infantil, conservatorio, CRA, CEIPs, CPRs, IES e CIFP A Granxa, manifestaron a súa fonda preocupación ante a situación que se pode vivir nas aulas e ante a falta de recursos anti COVID-19 dos que dispoñen.

A concelleira de Ensino adiantou que se celebrará unha xornada formativa para todas as comisións COVID-19 dos centros educativos locais. Estas comisións, unha vez recibida a información, estarán encargadas de difundila nos seus respectivos centros. Nesta xornada colaborará o centro de saúde local e terá lugar o vindeiro 21 de setembro.

Cristina F. Davila informou que ademais se reforzará o servizo de limpeza nos centros para garantir que se produzan varias limpezas e desinfeccións ao longo da mañá insistindo no puntos de maior contacto (barandas, pomos, baños, pasamáns…).

O servizo de conciliación da aula matinal ofrecerase no horario habitual dende as 07:30 horas ata a hora de comezo da actividade lectiva así como o servizo de comedor sempre seguindo as normas de seguridade sanitaria. As familias interesadas serán previamente informadas sobre o novo protocolo e tamén para solventar dúbidas.

Respecto ás actividades extraescolares aclarouse que quedarán nas mans dos propios centros autorizar ou non o uso de espazos para as mesmas tendo que facerse responsables da desinfección as/os organizadoras/es de cada actividade extraescolar.

O concelleiro de mobilidade trasladou á comunidade educativa o obxectivo de promover a mobilidade a pé e en bici para acceder aos centros de ensino a través de diferentes medidas, como o establecemento de camiños escolares seguros que se implementarán durante este curso. Mera lembrou que “na vila as distancias non superan os 10 minutos camiñando entre os puntos máis distantes, o que fai innecesario o uso do vehículo a motor para achegarse aos centros de ensino do casco urbano”.

Outros artigos