A comisaria europea Elisa Ferreira interesase pola Eurocidade Tui-Valença

Visitou Tui coma actividade paralela ao no Encontro Anual de Interreg 2030

Tui | Tui e Valença son un exemplo de cooperación transfronteiriza. Hai dez anos constituíronse na primeira Eurocidade desta zona do Miño, pero a colaboración entre ambos municipios é histórica, ao igual que as relacións entre a poboación das súas marxes do río. O propio Camiño de Santiago, do que Tui é a porta de entrada en Galicia dende Portugal, ten sido ao longo dos séculos un exemplo de cooperación.

Ese elo de unión é un dos motivos polo que Tui foi elixido para acoller mañá venres, 27 de outubro, a visita da comisaria Europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, que está a participar en Santiago no Encontro Anual de Interreg 2030. Durante tres xornadas, dende onte mércores e até mañá venres, celébranse distintas sesións nas que responsables dos programas de cooperación territorial europea debaten sobre as accións que actualmente se están a desenvolver, pero sobre a mesa tamén están as liñas de financiamento plantexadas para novas convocatorias.

En Tui o encontro entre a comisaria europea, Elisa Ferreira, e os distintos axentes implicados na cooperación transfronteiriza no marco do programa Interreg-POCTEP terá lugar a partir das doce do mediodía no Parador de Turismo San Telmo. No mesmo terá a oportunidade de coñecer directamente, por parte dos distintos axentes, os proxectos de cooperación que se realizan entre España e Portugal, nomeadamente nesta zona.

Haberá unha primeira reunión na que participarán representantes da Eurocidade Tui-Valença, da AECT Río Minho, así coma das eurocidades Tomiño – Vila Nova de Cerveira, Salvaterrra – Monçao, e Verín – Chaves. Moderará este primeiro encontro o subdirector de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza de Cooperación Transfronteiriza da Xunta, Xosé Lago.

Ás 13 h terá lugar un segundo encontro centrado nesta ocasión nas solucións transfronteirizas no que participarán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença coma representantes da Eurocidade Tui-Valença, a directora do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, xunto a dúas persoas beneficiarias das súas accións, as valedoras da cidadanía da Eurocidade Tomiño-Cerveira, e persoas mozas emprendedoras da Eurocidade 2020 de Verín-Chaves. Exercerá de moderador o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. O acto de clausura desta visita está previsto para ás 14 h, e contará coa actuación da pianista tudense, Andrea González, directora do IKFEM.

Ao longo dos últimos anos a Eurocidade Tui-Valença teñen sido un exemplo de cooperación transfronteiriza levando a cabo distintos proxectos financiados ao través do programa europeo Interreg. Precisamente os dous municipios elaboraron a Estratexia 2030 para a Eurocidade Tui-Valença no marco do proxecto europeo Unicidade e financiado con cargo ao programa de cooperación Interreg VA España–Portugal 2014-2020 cuxo obxectivo foi a organización, integración, e coordinación das dinámicas de cooperación existentes no territorio.

Entre os proxectos desenvolvidos recentemente, financiados con fondos europeos, e dos que se beneficiou a Eurocidade Tui-Valença cómpre mencionar o “Río Miño: un destino navegable”, “Smart Minho_ e-bike, ou Red Lab. Tamén é de destacar a axenda cultural e deportiva conxunta que desenvolven ambos municipios con eventos culturais coma a Cabalgata Internacional de Reis, o MUMI, e o IKFEM, ou no eido deportivo o calendario anual con probas destacadas coma a Eurocidade Btt, a Urban Trail Night, campionatos de bailes de salón, kung fu, judo, hoquei, baloncesto, remo ou tenis, e o Circuíto de Andainas Saúdables.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa a súa satisfacción porque Tui teña sido elixido coma sede para acoller este encontro coa comisaria europea, xa que será unha magnífica ocasión para expor os distintos proxectos desenvolvidos, así coma aqueles outros nos que se están a traballar. Destaca o rexedor amais coma a axenda cultural e deportiva compartida entre Tui e Valença supón un claro exemplo desa cooperación transfronteiriza.