A ciencia na mira do extremismo autoritario.

A ciencia e a Academia enfrontan hoxendía un asedio paradoxal. Se tradicionalmente o ataque viña do integrismo relixioso, hoxe o desafío é político. Nomeadamente o dunha extrema dereita que ve na ciencia unha conspiración elitista, mais sen nos esquecer tampouco de certa esquerda populista que a percibe só como un brazo do poder hexemónico.

Para o extremismo de dereita, a crítica á ciencia non é só epistemolóxica, é cultural. Identifican á Academia como o cuartel xeral do globalismo e da “corrección política”. O perigo reside na deslexitimación das institucións: se os datos sobre o cambio climático ou a saúde pública non encaixan na súa axenda, a estratexia é sementar a dúbida metódica. A súa fortaleza radica en conectar con sectores que se senten desprezados pola elite intelectual, ofrecendo unha alternativa onde unha suposta “intuición do pobo” vale tanto como un estudo de pares.

Dende certos sectores da esquerda populista e postmoderna, a crítica é distinta. Aquí, a ciencia é vista sospeitosa de ser eurocéntrica, patriarcal ou estar ao servizo do capital. O perigo é o relativismo absoluto: se toda verdade é unha construción de poder, a ciencia perde a súa capacidade de xerar consensos universais. Porén, esta denuncia polo menos xorde de parámetros de honradez porque a ciencia tivo -e ten- nesgos de xénero e de clase que cómpre corrixir.

Aínda que as súas conclusións sexan perigosas, ambos os ataques parten de fendas reais na Academia: I) a torre de marfil; a ciencia illouse ás veces nunha linguaxe hermética e, seica, prepotente, II) o financiamento: é evidente que os intereses corporativos inflúen no que se investiga e no que non e III) a crise de replicación: a presión por publicar (“publish or perish”) levou a certa relaxación de estándares que alimenta ás veces o escepticismo.

“Defender a ciencia non significa sacralizala. E a mellor e máis eficaz defensa pasa pola autocrítica”

Defender a ciencia non significa sacralizala. E a mellor e máis eficaz defensa pasa pola autocrítica. A Academia ha máis transparente, aberta e, sobre todo, recoñecer os seus límites. Non podemos pedir que se crea na ciencia como se fose unha relixión, porque a esencia da ciencia é, precisamente, non crer, senón probar.

O campo onde mellor se albisca esta guerra cultural é o da xestión ambiental, que require, por definición, dunha base técnica sólida. Porén, hoxe atopámonos co negacionismo reactivo da extrema dereita internacional, que percibe as políticas ambientais como unha imposición das elites urbanas. Ao cualificar o cambio climático como un «invento», paralizan as infraestruturas de adaptación e a redución de emisións, convertendo a supervivencia da especie nunha cuestión de liberdade individual contra dunha suposta tiranía verde.

Dende certos sectores da esquerda populista, a crítica á xestión ambiental científica céntrase en que esta é tecnocrática e está ao servizo das grandes corporacións para lavar a súa imaxe e levar os réditos, por exemplo, do despregamento das enerxías renovábeis., É o chamado greenwashing. Estas críticas teñen parte de razón ao sinalar que a tecnoloxía por si propia non resolve un problema de consumo infinito, e que as solucións de mercado adoitan ser parches insuficientes. Mais, ás veces, cáese nun decrecentismo dogmático que rexeita innovacións necesarias, como a biotecnoloxía aplicada á agricultura).

Comunica a ciencia ambiental solucións ou só sentenzas? É un monólogo ou un diálogo? A xestión ambiental non pode ser só un exercicio de autoridade moral dende a Academia, senón un proceso que integre o coñecemento científico coas realidades sociais. Tanto dende a xustiza social, porque as solucións ambientais non se poden alicerzar no sacrificio dos máis vulnerábeis (velaí as críticas ao modelo eólico actual, no mar e na terra) ou da agrogandeiría e da pesca sostíbeis, como dende a honestidade intelectual, recoñecendo as eventuais incertezas dos seus modelos sen que isto xustifique deixar de propor sempre actuacións eficientes e sostíbeis.

Volvendo á ciencia en xeral, a resposta ao extremismo non é máis tecnocracia, senón unha democratización do saber. Precisamos dunha ciencia que recoñeza as súas débedas sociais sen renunciar ao método empírico. Só dende a honestidade cos erros propios é posíbel garantir a autoridade moral da ciencia e da Academia para combater as mentiras do extremismo autoritario.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.