A Catedral será a imaxe da postal de Nadal de Tui

Nova edición do concurso de debuxo escolar

Tui | Tui busca a postal para felicitar o Nadal. Neste 2025, con motivo do 800 aniversario da consagración da catedral, convoca o seu Concurso de Debuxo Escolar con esta temática.

Así un ano máis a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui convoca este certame para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2025, apostando novamente pola creatividade do alumnado tudense para esta felicitación navideña.

Este certame vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio. As bases desta convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e no taboleiro de anuncios do Concello.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados, aportando un debuxo coa temática do “Nadal en Tui”. O obxectivo é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, centrándose neste ano na catedral tudense que cumpre 800 anos da súa consagración.

Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre, que debe ir identificado na parte posterior. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 21 de novembro de 2024 ás 14 h.

Establécese un primeiro premio consistente nun lote de material educativo e de pintura por valor de 100 euros e esta obra será a postal do Nadal do Concello de Tui. O segundo premio será un lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros, e o terceiro premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que “a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal e implicalos na celebración dunha excepcional efeméride como é o 800 aniversario da consagración da catedral tudense, que reclama a implicación de toda a cidadanía, tamén os nosos nenos e nenas”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.