A Catedral de Tui modernizará a súa iluminación artística

A través dun investimento de 176.000€ a cargo do PSDT de Galicia Suroeste e fondos municipais

Tui | Coincidindo co 800 aniversario da súa consagración a Catedral de Tui verá mellorada a súa imaxe nocturna grazas á renovación da súa iluminación artística que pasará a ser máis eficiente. A obra comezará esta mesma semana logo de ser adxudicada por Galicia Suroeste. Suporá un investimento de 176 mil euros que serán financiados nun 80% con fondos do PSTD “A Despensa de Galicia” e nun 20% polo Concello de Tui.

Hai uns días o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a representante Institucional de Xeodestino e alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández visitaron a catedral e a súa contorna para coñecer in situ o alcance da intervención que se vai realizar.

O proxecto a executar dotará ao conxunto catedralicio dun sistema lumínico de última xeración, baseado en tecnoloxía LED de baixo consumo e con criterios de eficiencia, conservación patrimonial e redución do impacto ambiental. No mesmo combinarase a parte funcional da iluminación coa artística. O obxectivo é realzar a arquitectura do templo, destacando elementos como a fachada occidental, o claustro e as torres. A actuación permitirá reducir de xeito significativo o consumo enerxético, mediante sistemas LED de alta eficiencia e control intelixente. Ao tempo minimizará a contaminación lumínica, grazas a proxectores de precisión e regulación adaptativa. A nova iluminación protexerá o monumento, evitando emisións térmicas e vibracións que poidan afectar á pedra histórica.

O proxecto ten un prazo de execución estimado de dous meses. Galicia Suroeste prevé iniciar os traballos esta mesma semana, en coordinación coa Diocese de Tui-Vigo e cos organismos responsables da protección do patrimonio histórico.

Con esta actuación o Concello de Tui e Galicia Suroeste reafirman o seu compromiso coa conservación do patrimonio e a eficiencia enerxética neste caso nun monumento tan destacado coma a Catedral de Santa María, nun ano no que se celebra unha efeméride de tanta relevancia. Esta actuación contribuirá a reforzar a imaxe cultural e turística de Tui mellorando a experiencia de veciñanza, visitantes e peregrinos, e potenciando a imaxe nocturna do conxunto histórico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.