Ponteareas | “O noso obxectivo é garantir que ningún neno ou nena quede atrás. Inauguramos esta nova aula coa satisfacción de ofrecer un recurso indispensable para moitas familias. A prioridade do Concello é sempre estar coas persoas que máis apoio precisan”, afirmou a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, durante o acto inaugural da nova aula para alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) no CEIP As Veigas.
“A Xunta aposta pola inclusión e agradece ao Concello o interese e colaboración”, sinalou durante o acto o xefe territorial de Educación, César Pérez, presente no acto no que tamén estivo o concelleiro de Ensino, Ricardo González, a dirección do centro educativo e a FANPO, así como representantes da ANPA e da comunidade educativa do CEIP e de toda Ponteareas.
“A Casiña” será o espazo no que seis nenos e nenas apoiados por profesorado especializado desenvolverán unha parte da súa xornada lectiva. En tempo récord as e os traballadores municipais do departamento de Ensino foron quen de transformar a antiga casa do conserxe nunha aula acolledora que agora conta con saída ao patio exterior traseiro. “Quero trasladar o meu agradecemento ás persoas que traballaron este verán con toda a ilusión de rematar as obras antes de que comezara o curso escolar. En tan só dous meses derribaron tabiques, abriron portas, realizaron unha nova instalación eléctrica, crearon un baño, pintaron, cambiaron solos e construiron unha rampa de acceso, entre outros traballos”, explicou o concelleiro de Ensino que tamén quixo trasladar o seu agradecemento á Consellería de Educación. As obras completáronse co cambio de carpintería para unha mellor eficiencia enerxética.
No CEIP As Veigas estudan na actualidade 394 alumnas/os que contan con servizo de aula municipal matinal, comedor escolar e actividades extraescolares que fan posible unha aprendizaxe lúdica e facilitan a conciliación familiar e laboral.
As actuacións completáronse co cambio integral da carpintería exterior, mellorando a eficiencia enerxética e o confort térmico da nova aula. O CEIP As Veigas conta actualmente con 394 alumnos e alumnas, que dispoñen de servizos municipais como a aula matinal, o comedor escolar e diversas actividades extraescolares, que favorecen unha aprendizaxe lúdica e contribúen á conciliación da vida familiar e laboral.
Con esta nova infraestrutura, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso cunha educación pública inclusiva, de calidade e centrada nas persoas, apostando por espazos que garantan a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento integral de todo o alumnado.
Asfaltadas as rúas Amieros, Lavandeiras e Mimosas
“Logo de 25 anos no esquecemento executamos o asfaltado das rúas Amieiros, Lavandeiras e Mimosas, unha intervención que xa non podía esperar máis ante o mal estado do pavimento”, explicou Juan Carlos Glez. Carrera, tenente de alcaldesa do Concello de Ponteareas.
Deste xeito, o Concello de Ponteareas mellora o acceso ás vivendas dunha zona na que residen preto de 300 veciñas e veciños, poñendo fin a décadas de reclamacións veciñais e mellorando notablemente a seguridade e comodidade da circulación tanto de vehículos como de peóns. Os traballos, executados nas últimas semanas, consistiron na renovación integral do firme, coa aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico e a corrección das pendentes para facilitar a drenaxe da auga. Nos vindeiros días procederase ao pintado e sinalización destas rúas.
“Esta actuación forma parte do plan de mantemento e mellora de vías municipais que estamos desenvolvendo en todo o termo municipal, priorizando aquelas zonas que levaban máis tempo sen intervención”, sinalou Glez. Carrera, quen destacou que o Concello “segue a apostar por unhas infraestruturas dignas e seguras para toda a veciñanza, sen importar o lugar onde viva”. O tenente de alcaldesa agradeceu ademais a colaboración e paciencia da veciñanza durante as obras, lembrando que “cada mellora destas contribúe a facer de Ponteareas un lugar mellor para vivir”.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro quixo salientar na necesidade de modernizar os servizos e ofrecer infraestruturas de calidade e adiantou que o Concello xa se atopa inmerso nun proceso de mellora e embelecemento de rúas, prazas e espazos públicos que fagan máis agradable o día a día das veciñas e tamén máis atractiva a vila e as 23 parroquias, un xeito indispensable para dinamizar a economía e vida social.