“A Casa da Lusofonía será a primeira cuxo ámbito de acción é tamén un país socio da UE”

Xosé Carlos Morell | Secretario Xeral da Associação Impulsora da Casa da Lusofonía

Vigo | En marzo pasado, a Deputación de Ourense e a Associação Impulsora da Casa da Lusofonía asinaron un acordo para crear a súa sede na cidade de Ourense. Xosé Carlos Morell, empresario e Secretario Xeral da Associação Impulsora da Casa da Lusofonía, conversou con Foro A Peneira/Novas do Eixo Atlántico sobre esta iniciativa que perfila a Galicia dentro do mundo lusófono.

Como se concibiu este proxecto da Associação Impulsora da Casa da Lusofonía en Ourense?
A reivindicación dunha Casa da Lusofonía dentro da rede de Casas do Ministerio de Asuntos Exteriores, e que estivese en Galicia, foi por exemplo solicitada en público por Xulio Ríos nun artigo publicado en 2018: https://praza.gal/opinion/casa-da-lusofonia. Despois houbo algunhas inciativas no plano político que non prosperaron.

 

“A Deputación de Ourense deu un paso á fronte, e non só teórico, para conseguir un acordo no que a Casa da Lusofonía fose creada e situada en Galicia”

Agora, a consciencia da conveniencia e o interese histórico nesta Casa non só para Galicia mas para a España toda fai que sexa um momento determinante para conseguir unaminidade territorial e política. Nese sentido, a Deputación de Ourense deu un paso á fronte, e non só teórico, para conseguir un acordo no que a Casa da Lusofonía fose creada e situada en Galicia. A Proposición apresentada em dia 30 polo Deputado Antón Gómez Reino na Comisión de Exteriores contou co consenso de todos os grupos, polo que esta vez si que sairá.

Co presidente da Deputación de Ourense, Baltar, en marzo pasado.

No acordo entre a Associação e a Deputación establécese a creación dunha comisión de seguemento. Cal será por tanto o papel da Deputación?
O acordo, facendo referencia à Lei reguladora das bases de réxime local, outorga á Deputación a cooperación, neste caso coa Associação, no fomento do desenvolvemento económico e social para os obxectos do acordo que foi publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, na sede electrónica e no portal de transparencia da Deputación.

É de suponer que por fin a Iniciativa Paz Andrade poderá visibilizarse en toda a súa integridade?
Iso haberá que preguntalo á Xunta e aos partidos que aprobaron a Lei, que por certo lles outorga dereito específico de facelo, de pedir contas ao goberno autonómico do cumprimento da Lei Paz Andrade. Esta insírese nas competencias da Comunidade Autónoma, fundamentalmente o ensino. O despregue da participación de Galicia nas institucións internacionais debe ser tamén dentro dunhas competencias que a Constitución reserva ao Estado.

Como pode axudar a Casa da Lusofonía no posible ingreso de Galicia na CPLP?
Como dicía, a Constitución reserva ao goberno central a acción exterior. O goberno galego pode participar e xa fai no eido cultural como observador asociado no Consello da Cultura Galega, que é unha institución estatutaria, ou mesmo podería tamén ter unha posición activa nas cámaras de comercio, o Igape, etc para promover as empresas galegas. A nosa potente rede paradiplomática está a disposición para facilitar contactos e canles comerciais ás empresas galegas, directamente ou a través da administración local e autonómica.

Un escenario estratéxico de actuacion é tamén China, especialmente co respecto a Macau, ex colonia portuguesa. Como pode Casa da Lusofonía achegarse ao xigante asiático como entidade de concreción de proxectos dentro do mundo lusófono?
Ese é precisamente o labor das Casas, hospedar actividades relacionadas neste caso cos países e territorios de lingua oficial portuguesa. Na Associação tomanos moi a serio o relacionamento con Macau e a China, sendo que nos constituímos polo acordo asinado en 5 de xuño na federación galega da Cámara de Comercio Portugal China, e mantivemos reunións en Lisboa para obter o apoio do Instituto Internacional Macau e da Associação da Nova Rota da Seda en Portugal.

“Na Associação tomanos moi a serio o relacionamento con Macau e a China”

A nivel estatal existen outras entidades como Casa de América, Casa Asia, Casa Árabe e Casa África. Establecerá a Casa da Lusofonía relación con elas?
Cada Casa ten un organigrama e planificación proprias, mas hai un alto nível de coordenación considerando que todas traballan para a mesma secretaría xeral do Ministerio. Moitos países ou áreas xeográficas son obxecto de máis dunha Casa, como Marrocos, muito importante na política exterior do Reino da España, que estaría englobado nas dúas últimas que citas.

Temos tamén a cooperación transfronteiriza dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Que papel podería xogar a Casa da Lusofonía dentro dos proxectos da eurorrexión e da expresión da lusofonía como motor de relación galego-portugués?
Iso que preguntas é unha cuestión do máximo interese. A Casa da Lusofonía será a primeira cuxo ámbito de acción é tamén un país socio da UE. É neste ámbito europeo onde cómpre establecer a coordinación institucional que xa se dá na Eurorrexión.

“A Casa da Lusofonía será a primeira cuxo ámbito de acción é tamén un país socio da UE”

Esa cooperación multilateral, internacional e paradiplomática debe ser mellorada para que o galego-portugués sexa un hub de negocios, e nese sentido na Associação mantivemos reunións coa dirección da Associação de Empresários de Portugal e tamén con representantes de política exterior dos principais partidos portugueses, PS e PSD, que foron frutíferas e cordiais, como corresponde a quen ten o gostoso deber de promover o entendemento.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.